08/02/2009

Santolina

Santolina chamaecyparissus

Planta subarbustiva de clima mediterráneo, que raramente supera o medio metro e forma matos densos. Conta con moitos talos dos que saen pequenas e estreitas follas de cor gris prateada; as follas semellan dentes de peites e son aromáticas. Ten flores amarelas douradas con forma globular, no verán.
Moi utilizada para sebes de escasa altura e recantos soleados e de solo malo. O seu aroma lembra o da camomila, pero máis forte.
A súa cor grisácea ou glauca combina ben con flores de vivas cores.
É moito máis utilizada coma ornamental e aromática ca no uso culinario e medicinal.

Propiedades: Aromática (follas) e medicinal. Antiespasmódica, vermífuga, expectorante e analxésica. Dixestiva, en infusión. Úsase suplindo á camomila ou macela, mais en menor medida ca esa.
En saquetiños nos armarios evitan a couza da roupa.

Solo: Calquera que estea ben drenado
É de fácil cultivo, moi rústica e resistente ao frío e mesmo ás xeadas.

Exposición: Pleno sol

Poda: Frecuentes, para manter a forma compacta e redondeada. Máis intensa a principios da primavera. Recortar as flores cando se pasan.

Reprodución: Por estaca (por espichado) na primavera ou outono. Tamén pode dividirse o mato en dous.

Um comentário:

  1. Joaquín ten nas súas mans unha planta moi útil,pero que moi útil.Tan útil é que gracias a Joaquín de aquí en diante ademais dos bos aromas no cole non teremos espasmos,nin vermes,nin dolores.
    Por si isto fóra pouco podemos comer do que queiramos porque esta planta é moi dixestiva.
    Gracias Joaquín pola túa aportación Santolina.
    Gracias don Antón pola súa bitácora chea de sabiduría.

    ResponderExcluir