29/01/2009

Ourego



Origanum vulgare

Planta rastreira, formando pequenos matos. Esténdese polo terreo, mais non tanto coma para facerse invasora. É de folla perenne.

Existe tamén outra variedade bastate coñecida: a "mejorana" ( Origanum majorana).

Propiedades: Aromático, medicinal e condimentar. Bo desinfectante e conservante. As súas follas e flores en infusión son bos ante resfriados, dor de cabeza, nervios e malestar de estómago. Moi utilizado na actualidade, tanto fresco coma seco, como condimento en pizzas; tamén no prebe, queixos, chourizos...

Solo
: Soltos, ricos e algo alcalinos. Nos nosos terreos, ácidos, vén ben botarlle algo de cal.

Exposición: Sol
É resistente ao frío do inverno.

Poda: Conveniente efectuala despois da floración, aproveitando para secar ou conxelar as partes cortadas para cando faga falta.

Reprodución: Por semente e, aínda mellor, por división de mata

25/01/2009

Atila por aquí pasou


Por aquí pasou Atila. Si, si, queridos lectores meus, leron ben. Atila, ese que di a lenda que por onde pasaba nada quedaba; é dicir, o antepasado máis directo coñecido do "amigo" Bush.

Xa... xa sei que me diredes: aquí ninguén viu nada... non puido ser... Mais se un mira as árbores e plantas novas acordará e convirá comigo que Atila deixou aquí uns recadiños: arbustos de adorno cortados ou cortados "daquela maneira", os de falar directo dirán vilmente masacrados; arboriñas coa casca rebentada á altura do corte da herba... Ai, agora si, agora si ven a man directa do grande Atila.

En fin, ao xardín non lle sentou nada ben as visitas importantes que neste curso tivemos. Esas cuadrillas con desbrozadora ao lombo non reparaban en se era unha lavanda, un ilex crenata ou unha silva, silvestre por suposto, que, dado o descoido na limpeza por non facela ao seu debido tempo, decidira tomar asento no patio e apoderarse das zonas menos pisadas. Coma na guerra, fundamental a decisión, e decisión e atrevemento non faltou. Táboa rasa, primeiro cortar afeito e malo será que nese recorte non haxa algo que moleste e sobre. Repasen a doutrina Bush para o Iraq e terán orixinal e copia da moderna "medicina preventiva".


*
Pobre xente! Quen tería a culpa? Quen non sabe máis, quen os manda sen saber moi ben a que ou quen tal permite?


* Ilex crenata trala 2ª "razzia"trunfal

22/01/2009

Un camiño no teu xardín (1)

Os camiños nos xardíns facilitan o seu uso e disfrute, organizan o terreo, adornan e pódenlle dar un toque especial. Todo isto, claro, se está ben feito; se o seu tamaño, forma e posición é axeitada.
Hai camiños que se convirten en elementos de valor, son acordes ao noso xardín e útiles. Hai camiños que nos levan da man e dirixen a nosa mirada. Hai camiños que nos transportan e nos fan perder coma por engado; lindos eles.
Tamén hai camiños que nos preguntamos para qué demo están aí, que non levan a ningures e molestan á vista, camiños que dan gañas de disimular tapando no posible a súa vista con plantas e arbustos. En fin... hai camiños e camiños.
O primeiro a ter en conta é o tipo de xardín que queremos. Si... primeiro temos que ter claro o que queremos (e se temos condicións para facelo).
Un camiño será distinto se o noso xardín é regular ou de forma libre. Se é regular, o camiño tamén o ha de ser: debe ser equilibrado, mantendo as mesmas distancias e proporcións. Por contra, se o xardín ten forma libre, o camiño tamén ha de dar esa impresión e, curiosamente, non é máis doado; ben polo contrario, haberá que probar máis ata dar coa forma axeitada.

21/01/2009

Melisa

Foto de Occhipiuverdi

Melissa officinalis

A planta non é bonita; é semellante á ortiga ou estruga, pero de folla verde clara (tampouco pica). Soe acadar uns 80 cm. É invasora se lle gustan as condicións, polo que se debe controlar que non acceda a través das súas raíces aos terreos das veciñas. En Mos soporta o inverno; é de folla perenne.
Mellor recoller as follas antes da floración ou durante ela, aproveitando neste último caso tamén as flores.

Propiedades: Aromática, medicinal e condimentar. Agradable e intenso cheiro a limón. En infusións cálmanos cando temos resfriado, catarro, dor de cabeza e tamén regula a presión arterial; é moi axeitada para cando estamos nerviosos, depresivos e temos estrés. Acompañada da camomila ou macela axuda a dixestión, calma e refresca. As follas frescas aplícanse coma emplasto sobre picaduras de insectos e inchazos da pel. Algunha folla fresca, tallada en anaquiños, acompaña e mellora ensaladas.
Disque é un bo afrodisíaco para as mulleres; sería cousa de probar, aínda que sexa para despois abandonar.

Solo: Húmidos preferentemente

Exposición: Sol ou semisombra

Reprodución: Por división das plantas ou por sementes

20/01/2009

Loureiro

Laurus nobilis

Arbusto de folla perenne que pode acadar altura de árbore. Abondoso e moi propio noso: non falta preto da casa para levar un ramalliño á cociña. As súas follas son bastante perfumadas. Ás veces forma matogueiras motivadas por ser un arbusto do que poden saír moitos troncos dende o chan e en parte por ser invasor e nacer novos troncos das súas raíces.
Normalmente atopámolo só nunha beira da horta, a pouca distancia da casa; tamén pode formar bosques coma na I. de Cortegada, integrada no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Na antigüidade, para os gregos era unha árbore dos deuses e estaba adicado a Apolo; cos romanos, levalo na cabeza a xeito de coroa representaba o trunfo e a sabiduría: o xeneral victorioso entraba en Roma e desfilaba con unha coroa de loureiro; tamén a levaban emperadores e poetas. A palabra "bacharelato", referente aos estudos de secundaria anteriores á universidade, parece que procede de "bacca" + "laureatus"; laureado evidentemente co loureiro, que é o "laurus".
Nalgunhas zonas utilízanse os seus ramallos ao igual cós da oliveira para levar o Domingo de Ramos. Arde moi ben tanto a súa madeira coma as follas (incluso verdes), facendo ao arderen moito ruído, sendo utilizado para afumar os chourizos.
Propiedades: Aromático, medicinal e especialmente condimentar. As follas utilízanse para guisos, sopas e prebes ou salsas; é recomendable utilizalas despois de secalas, parcialmente ou totalmente. No interior de Galiza bótanselle ás castañas cando se cocen, no canto do fiúncho. Tamén se usan dentro de unha botella de vinagre para dar sabor especial a este. A súa infusión axuda a dixestión e estimula o apetito.

Solo: Prefire solos soltos e ben drenados.

Exposición: Prefire sol, mais vive perfectamente a media sombra.

Poda: Tolera moi ben a poda; por iso é usado para sebes e aínda é máis utilizado para topiaria ou recorte con diversas formas. No noso arrecendario ocupan o centro das dúas rotondas pretendendo darlle forma de pequena bóla a 1 m de altura.

Reprodución: Por semente ou de fillos nacidos das raíces

19/01/2009

Xarxa

Pablo (3º) coa súa xarxa
Salvia officinalis

É un arbusto aromático perenne de follas grises e aterciopeladas de 6o cm. As súas flores son azul-violáceas dispostas en espigas. Existen outras variedades: de folla púrpura (Salvia of. purpurascens), de folla variegada (Salvia of. tricolor) e de flor vermella (Salvia of. splendens, a máis utilizada nos xardíns).
Propiedades: Aromática, medicinal e condimentar. As súas follas poden ser usadas secas ou frescas para aromatizar ensaladas, prebes ou salsas e carnes de porco ou polo e vexetais. En infusión axuda á dixestión, combate a diarrea e alivia os resfriados, a tose e cando doe a gorxa. Tamén frea a sudoración nocturna. Axeitada como cicatrizante da boca con enxaugues con infusión de folla seca.
Para uso diario cóllense as follas tenras o propio día. O mellor momento para recoller as follas para secar ou conxelar é mesmo antes de florecer. As flores combinan ben nas marmeladas.
Solo: Rústico. Arxiloso (barro) areento e ben drenado. Un pouco de cal faina mellorar.
Exposición: Sol
Poda: Unha vez ao ano, para mellorar a forma.
Reprodución: Por estaca (de 10 cm, preferiblemente con poucas follas) ou por semente

18/01/2009

Tomiño


Gabriel (5º) co seu tomiño aportado

Tamén chamado tomentelo.
Thymus vulgaris

Características: Arbusto leñoso de escasa altura, de 20 a 40 cm. Conta con moitas variedades e mesmo con distintas cores de flor (rosa, branco e lila). As súas follas, perennes, son pequeniñas e moi perfumadas.

Propiedades: aromático, medicinal e condimentar. En infusión é dixestivo e tónico. Tamén é bo para os resfriados e a tose.

Na cociña utilízase: En carnes, guisos, prebes ou salsas e verduras.

Pode consumirse en fresco ou en seco (follas,flores e talos secados e gardados en frascos).

Solo: Pouco esixente, só precisa que sexa ben drenado e que non empoce. Soporta a sequía e os terreos pobres.

Propio do clima mediterráneo.

Exposición: soleada

Reprodución: semente (primavera) ou por división de mata. Tamén pode reproducirse espichando un ramallete no chan.



13/01/2009

A xeada ataca

Vai un frío de moito nabo e algunhas plantas sofren e sobreviven a estes fríos como poden; é dicir, con dificultades e mal. O noso arrecendario con un microclima especial, por estar en posición abrigosa, defendido do frío norte e coa parede do colexio a requentalo nas mañás asoalladas e darlle máis luz e calor, non o nota moito; mais a friaxe é intensa e prolongada e as plantas de incenso presentan follas queimadas pola xeada.

No resto do xardín escolar as alegrías morreron todas; a cafeeira, aínda nova, xa veremos se consigue rebrotar; as plantas crasas andan ao límite da súa resistencia e as tibuchinas, tamén.

08/01/2009

Roubo no recendario


Ao igual que xa ocorreu moitas veces no xardín do colexio, tivemos no noso recendario visita desagradable no Nadal. Non foi Papá Noel, non. Alguén veu sen sen ser convidado e non marchou de baleiro: levou a herba luísa que aportara Sara Cabaleiro. Esa "persoa" debe saber que as hai a vender nos viveiros; aí só hai que escoller e, claro, pagar a planta que se leva.