11/11/2010

Magosto


Hoxe é San Martiño.
Tempo de castañas e dos magostos.

A recoller nos soutos e a comer na casa...ou no monte.
Eu xa recollín as do meu castiñeiro, que souto...con souto aínda non conto.
Fixen caso do refrán que avisa de que as castañas que despois do S. Martiño quedan no souto son do moucho.

Magosto.
A nós tócanos mañá.

E dálle, que se cadra non se pode.
Xíe (isto non ha de ser) ou chova as castañas han de pasar pola pota.
Ben, iso dixeron algúns, que o falar non ten cancelas e...xa veremos se manteñen.

Hai que saír un pouco da rotina, sempre vén ben. A conto de iso estiven estes días a ver cousas interesantes na rede para aproveitar (pola cara!) na escola e gustoume moito este conto.

03/11/2010

outono



E fíxose vermello. Lindo, non é?

Auga, cor e uns días de repouso. A primeira ás veces fai falta; as outras dúas xamais andan sobradas.

16/10/2010

Campo que parece xardín



Hai veces que o campo é... campo. Que vai ser senón?

Tamén hai veces que ese campo e tan traballado e moldeado que ben parece un fermoso xardín. O cultivo do arroz no surleste asiático moldeou tanto o terreo, e tan ben, que é unha fermosura. A produción e a estética van da man collidos.

07/10/2010

28/09/2010

lagerstroemia


Lagerstroemia indica



Lagerstroemia (con g suave), árbore de xúpiter, lila das indias... Nomes diversos para este arbusto que pode dar unha arboriña.

En agosto e setembro loce pola súa magnífica flor, no outono pola coloración avermellada
das follas e no inverno pola casca do seu tronco.

Completiño xa que logo.

20/09/2010

E que menta é?



Mira que lle levo dado voltas a esta menta que teño comigo e que axudei a espallar. Verde medio e con certo brilo, arrecendo moi intenso, flor tal como se ve... Gústame máis o seu arrecendo có seu sabor...

Este verán en Italia, no Horto botánico Lorenzo Rota en Bérgamo, moi bo e didáctico, pensei dar coa solución, mais non; aínda non foi de esta. Estaba seguro mal denominada; sempre segundo o meu criterio e o de outros dous entendidos alí presentes, enténdase ben.


Alguén pode aportar algunhas luces neste sensaber?
Para quedar entre nós, que menta é?

19/07/2010

Tromentelo


O tromentelo coma todos os anos veu en flor. Dentro de poucos días vai pasar do verde ao rosa, acuguladiño de flores, mentres se arrastra polo chan.

Resistente, capaz de vivir con ben pouco, só uns poucos cm de altura e un arrecendo xeitoso.
Un dos mellores para cubrir o chan entre pedras.

02/06/2010

Rotonda dos bídalos


A teima que algúns teñen de valorar pouco o propio e o intento da súa substitución polo de Castela non só afecta á lingua...á nosa, claro. Certo, na lingua é moi notorio, máis ca en calquera outro eido.

Os partidarios da terra queimada (a nosa terra) para aquí poñer o de fóra...aínda que sexa peor tamén se dá na denominación das nosas árbores e mesmo das rotondas por fin adornadas.

A Voz de Galicia, o buque insignia do feijoísmo, ese xornal que marca o arrecú no que estamos, tamén está a dar pasos neste sentido. Teño gardado dende hai ano unha noticia da inauguración das rotondas de Lalín, noticia creada nese xornal no seu 1º Ano Trunfal.(glorieta de los álamos)

Non ten desperdicio, os nosos bídalos (palabra que se utiliza na Terra do Deza) ou bidueiros, altos e de casca branca, transformados en vulgares álamos. Manda carallo!

Atila por aquí pasou.

Incultos ou de mala fe.

Pode xunguir tamén as dúas condicións, non é?


03/05/2010

Glicinia









Flor rechamante,
mellor arrecendo.

Nós que se retorcen, flores que dan vida.

Lindas sempre no emparrado.







21/04/2010

cerdeiras en flor

Foto: Bruno Carrillo

A festa da cerdeira ou cereixeira en flor é ben especial no Xapón.
Marca a entrada da primavera, anima, fai lindo e a todos interesa.
Eis o máis grande evento oriental.



Aquí, no Sol Poñente,
quixemos darlle un toque que iso lembrase... e certamente non quedou de todo mal. Ou non?

17/03/2010

magnolia en flor

As magnolias, as de folla caduca, están no tempo de abrir a súa flor e ben que o fan.

Flores en forma de tulipán a maioría, outras en forma de estrela.
No aire unha suave fragancia; no chan os pétalos caídos a adornar tamén.
Abride as portas, a primavera está a vir; deixádea entrar.

04/03/2010



A ameixeira de flor xa avisou.
A primavera está aí, vén de camiño; está xa chamando na porta.

O inverno que se prepare pois para marchar; ten os días contados e non nos vai dar pena que así sexa.


Algunhas arbustos e arbustos adiantan un pouco a súa particular primavera.
Así fan o prunus pissardii do que falaba; tamén diversas magnolias de flor que se adianta á folla (m. stellata, m. soulangeana...),
o marmeleiro xaponés, e outros máis.

O Aeonium arboreum atropurpurea (á dereita) non quixo faltar a esta nova festa. Unha base de planta arbórea con follas case negras (debe estar no solleiro) e flores douradas vistosas para este tempo.

20/02/2010

Será lenda ou verdade?




Existe unha curiosa historia que relaciona a ruda e outras aromáticas co "Vinagre dos catro ladróns".

Dise que no século XVII Europa padeceu unha grande peste que matou a moita xente. Estas pestes sucedíanse, por desgraza, en Europa dende o s. XIV cada certo tempo. Non se sabía porque era nin moito menos como se podía curar; pero morría moita xente.

As casas dos "apestados" (afectados por esa terrible doenza) eran marcadas con cruces vermellas. E aínda nesas dificultades había ladróns que aproveitaban esas circunstancias.

O caso é que algúns ladróns resultaban inmunes á doenza, é dicir, non lles afectaba: eles entraban a roubar nas casas dos apestados, roubaban mesmo aos mortos e non collían esa doenza. Curioso, non é?

Tempo despois, descubriuse que eses ladróns se protexían con un vinagre de viño mesturado con ruda, xarxa, menta, romeu, lavanda, allo e outras aromáticas.


E será un conto?

10/02/2010

É tempo de poda

Pola Candeloria
a metade do inverno vai fóra.


Por San Brais
unha hora máis.


O inverno vai ir dando paso a días un pouco máis longos e as plantas comezan a reorganizarse e saír do seu acobillo invernío. Queren abrir as primeiras flores que adiantan a primavera, pisardi e magnolia de flor, e tampouco tardarán en agromar, outra volta, as primeiras árbores.

Non convén durmirse xa que logo se queremos podar aquelas que antes espertan... e estamos na lúa boa.

Ai, mais para aí o carro, que non é cousa de tirar para diante!
Claudieiras europeas ou xaponesas, vide, pereiras... están no tempo e non convén demorarse.

Mais non todas fan igual.


O castiñeiro debe agardar polo menos un mes máis e podalo un pouco antes de que comece a agromar; trátase de que cure axiña as súas feridas (mirade na foto da cima) e que por aí non entre o cancro do castiñeiro, unha enfermidade gravísima para eles.

As cerdeiras ou cereixeiras prefiren as podas (se hai que facelas) alá no verán.

Nos arbustos de flor de cedo (querrias, forsitias, veixelas...) cómpre agardar a disfrutar da súa floración, abondosa e plena, e despois si, podalos para volver ter outra floración o ano seguinte. Do contrario sempre perderemos a mellor floración...e non é cousa, non vos parece?

13/01/2010

Non chove a gusto de todos

http://sobreturismo.es/wp-content/uploads/kenrokuen_nieve.jpg

Este inverno vén bravo: un frío que nos arrecanta na casa, xeadas, neve onde había moito tempo que non se vía, temporais de chuvia e do vento que zoa coma nos mellores tempos...; non me vou queixar, mais vén completiño.
Ai, se nos abandona a calefación, aquí non quedaba vivo "nin can nin gato"! E... disque imos para un clima moito máis quente. Pois menos mal!


Algunhas plantas e árbores coma o xacarandá ou a tibuchina están a sufrir (e outras, as de climas quentes, a morrer). Convén empallar o chan ou botar follas medio metro ao redor para que non xeen as súas raíces; tamén se pode facer con anacos de cartón que nos sobra se logo os cubrimos con terra (así non voan nin queda feo e co tempo desfanse e serve de abono).
Ás arbores de folla perenne e delicadas cómpre pórlles unha cubrición temporal que os abrigue na súa copa.

Ai, mais todo isto haino que facer ao seu debido tempo, antes do mal tempo; cómpre, tamén aquí, ser precavidos.