27/03/2009

Tempo de regar



Marzo veu quente e seco: quixo pasar por maio e conseguiuno. Tocou regar moitas veces. Tamén houbo que arrincar herbas malas que querían competir coas nosas aromáticas.
De momento vai todo ben.

26/03/2009

Aínda máis



Entre as cerdeiras ou cereixeiras que levan toda a súa mellor enerxía cara á flor salienta o Prunus serrulata kanzan ou kwanzan. Soe estar enxertado en cerdeira brava, a uns 2 m de altura. Estes dous "prunus" do colexio levan un ano enxertados.
Ten copa erguida, en forma de vaso e o seu tamaño é menor có das cerdeiras de froito. As follas son finamente serradas, rematando en pico, de cor cobre cando nacen e vermello alaranxadas na fin do outono.


Gardan o seu mellor momento para cando a primavera empeza; aí cóbrense de lindas flores rosas.

19/03/2009

Cerdeiras en flor




Veño de oír o cuco. Non o vin, que non se deixa ver, pero sentir si que o sentín.

O inverno está a despedirse de nós e faino pasando por ser primavera. A calor pola mañá non sobra, temos temperaturas mornas (estamos aínda en marzo); mais polo mediodía apreta e fai suar, son de primavera quente. Agardemos non pagar máis tarde esta delicia; xa saben, "cando marzo maiea, maio marcea".

E as cerdeiras acordaron e están a espertar do seu soño invernío. Dan o mellor de si, unha floración que causa abraio e delicia. As súas flores rosas e dobres, plenas para entendidos, dominan os nosos sentidos.

No noso xardín contamos con tres cerdeiras bravas, sen enxertar, e con catro de adorno. Dúas de estas son de pólas colgantes, raras por estas terras; as outras dúas soben cara ao ceo. A primeira está na entrada do colexio, pequena e coas pólas tocando no chan; é a da foto inferior, un Prunus x subhirtella pendula plena. Outra, a da foto superior, Prunus serrulata kiku-shidare-zakura, está no socalco preto do colexio, no alto e coas pólas péndulas a desculparse da súa elevada posición. As outras dúas, Prunus serrulata kwanzan, enxertadas por min, están na parte superior preto do campo de futbito.




As cerdeiras en flor son para os xaponeses o máximo que pode existir, a principal festa. Claro, todas estas variedades de cultivo ou, se prefiren, de xardinería proceden de Oriente, do lonxano Xapón.

13/03/2009

Incenso


Plectranthus coleoides "marginatus"

É unha planta herbácea perenne. As súas follas son rugosas, tirando a gordechas con peliños e con forma acorazonada; presentan as beiras ou marxes variegadas de cor branca e ás veces toda a folla colle esa cor. Estas follas son bastante aromáticas, evidentemente, a incenso.
Ten tendencia a erguer pouco os seus talos, a arrastrarse polo chan ou a colgar debido ao peso se está nun tarro.
Moi utilizada en xardinería de tarros en terrazas e balcóns.
Gústanlle os climas mornos e os quentes.

Propiedades: Aromática; tamén medicinal na India, mais aquí non soe utilizarse como medicinal.

Solo: Normal.

Rega: Soporta certa sequía.

Exposición: Semisombra ou sol . Quere lugar luminoso, mellor sen sol directo.

Ollo ás xeadas! Cómpre protexelas se vén un inverno duro coma o de este ano (aféctalles máis ás procedentes de viveiros). No noso arrecendario neste duro inverno de cinco salvaron tres sen protección. Preto da costa poden estar todo o ano fóra.

Poda: Débese despuntar os seus talos para que ramifiquen lateralmente; así dá unha planta máis compacta e xeitosa.

Reprodución: O mellor método consiste en espichar ramalliños ou estaquiñas, prende moi ben. Conseguiremos novas plantas de forma doada.

09/03/2009

O cachourizo de Fabio



Simpático o animaliño, a que si? Non sei eu como andará pola horta?

Curioso, o seu nome ( cachourizo ) sempre o utilizamos como despectivo e para insultar; en troques, o animal resúltanos simpático. Igualmente o seu corpo pinchudo debía meter medo aos contrarios, mais... realmente mostra máis debilidade ca fortaleza. É, pobriño, o preferido dos coches para esmagar.