28/09/2009

O mentraste veu en flor

Mentha rotundifolia

O mentraste ou menta brava nace silvestre nos prados e veigas.
É pouco valorado como menta (algúns dubidan da súa condición e chámanlle falsa menta).

Iso si, cando nos pican as estrugas ou ortigas, resultan moi ben para calmar o pruído... e sempre están alí á beira. Eis, a natureza dános o bo e o malo!


Ai, por certo, a avespa non me picou! Debíalle gustar que a sacase de corpo enteiro... aínda que eu non as tiña todas comigo.

22/09/2009

Alfabacas e manxericos



A alfabaca ou albahaca(Ocimum basilicum) ten a folla grande, mentres que o manxerico (Ocimum basilicum minimum) ten a folla pequena.


Os dous son de tamaño pequeno.
Son, na nosa zona, plantas anuais, que se sementan no inicio da primavera e morren antes do inverno. Se os temos no interior, poden vivir un ano máis.

Follas moi usadas na cociña e forte arrecendo. As flores son brancas e tamén cheiran moito.

As propiedades son semellantes nas dúas especies.

O seu cheiro disque repele insectos; por isto, é colocado nas fiestras para que debido ao seu forte aroma non entren mosquitos ao interior e, ao tempo, que aromatice o interior.


Propiedades. Condimentar, medicinal e aromático. Axeitado para tortillas, carnes, peixes, ensaladas ... Condimentar só ao remate de cociñado, sen cocer as súas follas.
Tamén pode tomarse en infusión e facer prebe ou salsas; é fundamental no "pesto" italiano. Mellora as dixestións, evita as flatulencias, é bo para gripes e constipados.

Solo
. Rico e ben drenado


Exposición. Moita luz, mais vaille mellor sen demasiado sol directo (o sol do mediodía pode queimar as súas follas).

Reprodución. Por semente, na primavera (tarda uns 15 días en prender).

Se queremos ter un "manjerico" ao estilo minhoto plantar nun tarro de barro varias sementes próximas para que dean forma redondeada e máis vistosa.

11/09/2009

Auga

Nimes. Xardín da Fontana



Unha calor insoportable.

As chicharras facendo un ruído monótono e moi pesado.


O ceo ameazando tormenta; tormenta que á fin non chegou.


A auga aí a refrescar.
Agradécese, agradeceuse, nun día así.

06/09/2009

Herba luísa


Aloysia triphylla (ou Lippia citriodora)

É a miña planta aromática favorita (tamén foi así para boa parte do alumnado); o seu arrecendo a limón é intenso e moi agradable.

Arbusto de folla caduca que, se non o podamos, acada os 2 - 3 m de altura. As súas follas de cor verde clara soltan un forte e delicado arrecendo a limón cando as rozamos coa man.

Perde as súas follas cando se fan duros os fríos do inverno.


É nativa da Arxentina, Chile e o Perú, do sur de América. Introduciuse en Europa no s. XVIII.

Florece no verán, con pequenas flores brancas en panícula.

Propiedades: Aromática e medicinal (en menor medida condimentar).

Utilízase en infusión para problemas dixestivos; tamén é calmante.

É moi axeitada para licores.

Aromatiza excelentemente aceites e bebidas ou comidas refrescantes. A un cóctel frío apórtalle un toque exótico e aromatizante que o fai perfecto.

Vai ben con peixe.


En aromaterapia aporta calma e benestar polo que é boa para calmar os estados nerviosos.

Aprovéitanse as follas, verdes ou secas.

Poda: É conveniente podala 2 ou 3 veces no ano para manter un tamaño menor, máis redondeada e maior produción de follas. Tamén se pode deixar libre, sen podar.

Solo: Prefire os solos lixeiros e profundos.

Exposición: Sol

Reprodución: Abacelándoa ou emporcándoa (dobrando e metendo algún ramallo no chan ata que bota raíces) e por estacas, de leña dura no inverno e semileñosas na primavera-verán. Aquí, na nosa Terra, non produce sementes viables.