26/05/2011

A horta vai

Fixemos sementeira na aula e no corredor. Un pouco de todo: cabazos, pepinos, berenxenas, leituga, tomates, alfabaca, pirixel... Que sei eu! Unha morea de cousas. Despois trasladamos estas plantiñas á horta, mellor dito, ás hortas, que temos dúas.




O tempo foi mellorando e as plantas medraron.

Xa están ben bonitas!

Regamos, comemos morangos (a isto gañáronnos as pombas...e por goleada) e frambuesas e temos uns pepinos que dá gusto.






Algunhas nenas pasan todos os recreos na horta.
Arrincan herbas malas, regan e miran.

25/05/2011

Pequena historia da horta escolar

Un día de outono, case inverno, decidimos unha compañeira mais eu facer unha hortiña para uso escolar: debería permitir aprender, tocar, ver... Tampouco pretendiamos gastar nin que despois fose insostible. Tiña que ser pequena...mais xeitosiña. E...así como ves quedou.

Un recinto feito con bordos reaproveitados e mesmo un banquiño para repousar. Os bloques recolléronse do refugallo de unha obra nun parque, o transporte en carreta a conta do lombo do blogueiro e a colocación a conta dos dous anteriormente citados. Non se gastou un can!


As ferramentas usadas foron un pouco rudimentarias, era o que había, mais fíxose.










Despois veu unha capa de follas secas
recollidas no noso patio, facendo base... e por riba outra capa de terra.

Máis tarde esta horta deu lugar a dúas, distintas. Aproveitouse un anaco do terreo con algo de terra. O resto ten xabre ben pisado con pisón e gramón invasor.

24/05/2011

Arrecendario con recendo e cor


As aromáticas tamén poden ser lindas, non é?
Algunhas herbas son lindas pola flor, outras polos distintos tonos de cor e hai algunha coma a xarxa tricolor que xunta folla e flor coloridas. Por riba, é moi dura e reprodúcese moi ben espichándoa no chan e dándolle un mesiño para que enraíce ben.

01/05/2011

Menta piperita


Mentha x piperita


É un híbrido da mentha aquática e mentha spicata (a hortelá ou menta verde).

Planta moi coñecida e utilizada.


Propiedades: Aromática, medicinal e condimentar. Aroma forte e mentolado moi agradable. A súa infusión facilita a dixestión, impedindo a flatulencia, vómitos, diarrea e indixestións; tamén é boa para os estados de fatiga.


Mestura moi ben cos chocolates e co café. Moi utilizada en diversas medicinas así coma en pasta de dentes, deterxentes...


Solo: Ricos e húmidos (non empozados) coma todas as mentas.


Exposición: Sol ou, aínda mellor, semisombra


Poda: Conveniente facelo con frecuencia e despuntar (cortar cos dedos ou tesoiras a terminación ou cima do talo da planta) para que ramifique.



Reprodución: O mellor é por división de mata. Debemos ter en conta que pode ser invasiva, pois, se lle vai ben, inza moito. Se se quere evitar, mellor cultivar en tarro (mesmo podemos enterralo); aí non ten para onde escapar. Tamén se poden meter talos en auga ata que botan raíces ou espichalos en terra húmida.