18/12/2009


Cada vez máis guiamos a natureza a onde queremos.

A natureza aparentemente libre e salvaxe (disque natural) é pouco natural; se se prefire, é moi humana (para algúns, demasiado). Traballamos, traballan outros por e para nós, as veigas e leiras para producir o que queremos, ou o que podemos; os mares pouco profundos das nosas rías semellan leiras para aproveitar a súa riqueza de marisco e de sargazos comestibles (aquí aínda hai moito que andar ou mellorar).

Ultimamente estase a mellorar moito na asociación fungo e vexetación para tirar proveito, é dicir, para levar algo á boca que nos resulte de interese. Eis, a asociación de castiñeiros micorrizados con boletus para conseguir un dobre aproveitamento: castañas e madeira por un lado e por outro os valiosos cogordos ou boletos tan desexados no noso outono. Por riba esta micorrización fai máis resistente ao castiñeiro.

Son os tempos que corren... e está ben que así sexa?

Hai novas propostas para aplicar a pequena escala nesta liña.
Vede senón a proposta que nos ofrece o cantinho das aromáticas con todo ben explicadiño (produzir-cogumelos-em-sacos). Non só recolleremos cogumelos, senón que tamén os produciremos. Todo ben!

01/12/2009

Infusión de menta

Foto: collida da net

Unha infusión de menta sempre senta ben; faise gustosa no padal e tranquilizadora para estómago e intestinos.

É moi utilizado no norte de África o
té con menta para dar a benvida aos visitantes. A menta acaille dende logo moi ben ao té. A variedade de menta usada no Sahara para acompañar é a menta verde (mentha spicata = mentha viridis).

De mentas temos moitas variedades. Da menta poexo non debemos abusar, mais das outras mentas podemos tomar canto queiramos.

Aí vai unha menta!