09/08/2011

Tomate

Comidos en ensalada, con outros engadidos ou non; soíños coma se foren mazás (máis raro pero igual de saborosos) ou en gazpachos para os amigos dos purés ou desdentados.

Os tomates sempre van ben.

Cultivo fácil se lle aportamos sol, unha pouca agua á beira dos pés e ningunha nas follas (hai que amolarse cando chove); cómpre tamén vara longa e ataduras de cando en vez (con froito todas as ataduras fanse poucas os días de vento) e cortarlle moitos dos fillos que botan entre o tronco e as follas. O podalo é importante, máis aínda nas partes baixas para que os tomates non toquen coa terra e estean aireados; mais a poda debémola incrementar ou diminuír segundo bote moita ramallada ou pouca. No primeiro dos casos mesmo vén ben unha poda das follas xusto despois do último froito. Trátase xa que logo de que vaia a forza para o froito e non tanto para esa ramallada. Ollo! Non debemos pelalo e deixalo sen ningunha folla, que algo así xa teño visto; a tomateira ten que facer o seu alimento e precisa tamén follas.

Sulfatar ou non? Estes están sen sulfatar e vailles ben. Se os sulfatas, coidadiño co que lle botas, vai ser o que comes.