20/02/2010

Será lenda ou verdade?




Existe unha curiosa historia que relaciona a ruda e outras aromáticas co "Vinagre dos catro ladróns".

Dise que no século XVII Europa padeceu unha grande peste que matou a moita xente. Estas pestes sucedíanse, por desgraza, en Europa dende o s. XIV cada certo tempo. Non se sabía porque era nin moito menos como se podía curar; pero morría moita xente.

As casas dos "apestados" (afectados por esa terrible doenza) eran marcadas con cruces vermellas. E aínda nesas dificultades había ladróns que aproveitaban esas circunstancias.

O caso é que algúns ladróns resultaban inmunes á doenza, é dicir, non lles afectaba: eles entraban a roubar nas casas dos apestados, roubaban mesmo aos mortos e non collían esa doenza. Curioso, non é?

Tempo despois, descubriuse que eses ladróns se protexían con un vinagre de viño mesturado con ruda, xarxa, menta, romeu, lavanda, allo e outras aromáticas.


E será un conto?

10/02/2010

É tempo de poda

Pola Candeloria
a metade do inverno vai fóra.


Por San Brais
unha hora máis.


O inverno vai ir dando paso a días un pouco máis longos e as plantas comezan a reorganizarse e saír do seu acobillo invernío. Queren abrir as primeiras flores que adiantan a primavera, pisardi e magnolia de flor, e tampouco tardarán en agromar, outra volta, as primeiras árbores.

Non convén durmirse xa que logo se queremos podar aquelas que antes espertan... e estamos na lúa boa.

Ai, mais para aí o carro, que non é cousa de tirar para diante!
Claudieiras europeas ou xaponesas, vide, pereiras... están no tempo e non convén demorarse.

Mais non todas fan igual.


O castiñeiro debe agardar polo menos un mes máis e podalo un pouco antes de que comece a agromar; trátase de que cure axiña as súas feridas (mirade na foto da cima) e que por aí non entre o cancro do castiñeiro, unha enfermidade gravísima para eles.

As cerdeiras ou cereixeiras prefiren as podas (se hai que facelas) alá no verán.

Nos arbustos de flor de cedo (querrias, forsitias, veixelas...) cómpre agardar a disfrutar da súa floración, abondosa e plena, e despois si, podalos para volver ter outra floración o ano seguinte. Do contrario sempre perderemos a mellor floración...e non é cousa, non vos parece?