22/01/2009

Un camiño no teu xardín (1)

Os camiños nos xardíns facilitan o seu uso e disfrute, organizan o terreo, adornan e pódenlle dar un toque especial. Todo isto, claro, se está ben feito; se o seu tamaño, forma e posición é axeitada.
Hai camiños que se convirten en elementos de valor, son acordes ao noso xardín e útiles. Hai camiños que nos levan da man e dirixen a nosa mirada. Hai camiños que nos transportan e nos fan perder coma por engado; lindos eles.
Tamén hai camiños que nos preguntamos para qué demo están aí, que non levan a ningures e molestan á vista, camiños que dan gañas de disimular tapando no posible a súa vista con plantas e arbustos. En fin... hai camiños e camiños.
O primeiro a ter en conta é o tipo de xardín que queremos. Si... primeiro temos que ter claro o que queremos (e se temos condicións para facelo).
Un camiño será distinto se o noso xardín é regular ou de forma libre. Se é regular, o camiño tamén o ha de ser: debe ser equilibrado, mantendo as mesmas distancias e proporcións. Por contra, se o xardín ten forma libre, o camiño tamén ha de dar esa impresión e, curiosamente, non é máis doado; ben polo contrario, haberá que probar máis ata dar coa forma axeitada.

Nenhum comentário:

Postar um comentário