20/01/2009

Loureiro

Laurus nobilis

Arbusto de folla perenne que pode acadar altura de árbore. Abondoso e moi propio noso: non falta preto da casa para levar un ramalliño á cociña. As súas follas son bastante perfumadas. Ás veces forma matogueiras motivadas por ser un arbusto do que poden saír moitos troncos dende o chan e en parte por ser invasor e nacer novos troncos das súas raíces.
Normalmente atopámolo só nunha beira da horta, a pouca distancia da casa; tamén pode formar bosques coma na I. de Cortegada, integrada no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Na antigüidade, para os gregos era unha árbore dos deuses e estaba adicado a Apolo; cos romanos, levalo na cabeza a xeito de coroa representaba o trunfo e a sabiduría: o xeneral victorioso entraba en Roma e desfilaba con unha coroa de loureiro; tamén a levaban emperadores e poetas. A palabra "bacharelato", referente aos estudos de secundaria anteriores á universidade, parece que procede de "bacca" + "laureatus"; laureado evidentemente co loureiro, que é o "laurus".
Nalgunhas zonas utilízanse os seus ramallos ao igual cós da oliveira para levar o Domingo de Ramos. Arde moi ben tanto a súa madeira coma as follas (incluso verdes), facendo ao arderen moito ruído, sendo utilizado para afumar os chourizos.
Propiedades: Aromático, medicinal e especialmente condimentar. As follas utilízanse para guisos, sopas e prebes ou salsas; é recomendable utilizalas despois de secalas, parcialmente ou totalmente. No interior de Galiza bótanselle ás castañas cando se cocen, no canto do fiúncho. Tamén se usan dentro de unha botella de vinagre para dar sabor especial a este. A súa infusión axuda a dixestión e estimula o apetito.

Solo: Prefire solos soltos e ben drenados.

Exposición: Prefire sol, mais vive perfectamente a media sombra.

Poda: Tolera moi ben a poda; por iso é usado para sebes e aínda é máis utilizado para topiaria ou recorte con diversas formas. No noso arrecendario ocupan o centro das dúas rotondas pretendendo darlle forma de pequena bóla a 1 m de altura.

Reprodución: Por semente ou de fillos nacidos das raíces

Um comentário:

  1. Queda lindo o camiño, si señor! O loureiro cando teña a bóla feita ha de quedar tamén que nin pintado.

    ResponderExcluir