23/10/2009

Lavanda no teu recanto

Foto: gpdata

Propiedades. Aromática e medicinal. Úsase moito en colonias e perfumes e en aromaterapia para facilitar o sono. Tamén se emprega en infusións para aromatizar.


Os seus ramalliños floridos secos métense en bolsiñas de tea tanto para meter nos armarios dando un bo cheiro á roupa coma tamén para evitar a couza, ese ser vivo que tanto mal pode facer na roupa que movemos pouco.


Vai moi ben ao lado das roseiras para evitar o pulgón (tampouco fai milagres) e visualmente coma contrapunto de cor.


Solo. Dáse ben en solos secos e pouco fértiles. Calquera solo pode ser bo se drena ben e está moi exposto ao sol.



Exposición. Acaille ben un lugar solleiro (moito sol). É planta de clima mediterráneo.
Resiste ben o frío.


Reprodución. Multiplícase espichando anacos das súas póliñas de 10 - 15 cm. Tamén se pode dividir o mato de lavanda.



Poda. Recórtaa en abril e ao rematar a floración (abona despois de recortar, só se a queres máis vizosa). É conveniente podala para que non se faga desgarbada e se afee. Tamén se poda con forma redondeada cando hai varios arbustos formando un conxunto.



19/10/2009

LAVANDA


Lavandula angustifolia



É un pequeno arbusto aromático de medio metro de alto e outro tanto de
largo, aínda que pode ser máis alta.

As súas follas son estreitas (angustifolias = follas estreitas) e glaucas (verde agrisalladas). A súa flor ten forma de espiga, de cor azul lilácea.


É frecuente en xardín de herbas aromáticas, por ser decorativa e aromática á vez, pode tamén facer un bordo ou unha sebe baixa, recortada ou libre, moitas veces nas beiras de un paseo.


Ademais da lavanda angustifolia hai outras moitas variedades, algunhas silvestres outras de cultivo ou xardinería: L. dentata, L. stoechas (coñecida como cantroxo, cantroxiña... e existente como silvestre en diversas zonas moi soleadas dos nosos montes) …


Despois de 5 anos é mellor renovar estas plantas para manter unha forma bonita, aínda que pode durar bastante máis anos.


Cultivada e moi utilizada na Provenza, no surleste de Francia. De aí son moi coñecidos os seus perfumes de lavanda.



10/10/2009

Recanto


Este recanto, pequeno el, ofrece unha importante variedade de cores. Ai, mais como nas feiras, aínda damos máis polos mesmos cartos: esa sinfonía de cores muda co tempo ao longo do ano.


Subimos a oferta para que non quede aí a cousa: mentas, xarxa e santolina danlle un cheiriño acolledor.


Para os máis inconformistas: as pedras de granito, redondas coma os nosos montes, fanlle o aconchego ao noso recanto.


Non fai falta moito para facer unha delicia. E quen non ten un recuncho?!

05/10/2009

Mentas


Hai moitas variedades de mentas. Ademais, cambian bastante segundo o tipo de terra na que bebe e come, e a cantidade de sol que reciban. O seu cheiro, sempre a menta, tamén pode ser moi diferente: moi forte coma o da foto, suave nos poexos, moi mentolado...


As máis coñecidas son o poexo, a menta verde e a menta piperita (esta realmente é un híbrido).


A menta verde (Mentha spicata = M. viridis) é moi utilizada polos árabes para o seu té verde (viridis=verde). O poexo e a piperita son as dúas máis utilizadas aquí para infusión.