23/10/2009

Lavanda no teu recanto

Foto: gpdata

Propiedades. Aromática e medicinal. Úsase moito en colonias e perfumes e en aromaterapia para facilitar o sono. Tamén se emprega en infusións para aromatizar.


Os seus ramalliños floridos secos métense en bolsiñas de tea tanto para meter nos armarios dando un bo cheiro á roupa coma tamén para evitar a couza, ese ser vivo que tanto mal pode facer na roupa que movemos pouco.


Vai moi ben ao lado das roseiras para evitar o pulgón (tampouco fai milagres) e visualmente coma contrapunto de cor.


Solo. Dáse ben en solos secos e pouco fértiles. Calquera solo pode ser bo se drena ben e está moi exposto ao sol.



Exposición. Acaille ben un lugar solleiro (moito sol). É planta de clima mediterráneo.
Resiste ben o frío.


Reprodución. Multiplícase espichando anacos das súas póliñas de 10 - 15 cm. Tamén se pode dividir o mato de lavanda.



Poda. Recórtaa en abril e ao rematar a floración (abona despois de recortar, só se a queres máis vizosa). É conveniente podala para que non se faga desgarbada e se afee. Tamén se poda con forma redondeada cando hai varios arbustos formando un conxunto.



5 comentários:

  1. Que foto máis espectacular, onde é?
    A lavanda é a miña aromática favorita pero non a teña na casa. Ante o primeiro fracaso pensei que non lle gustaba o solo de Mos. Volverei a intentalo. represas

    ResponderExcluir
  2. A foto é da Provenza francesa, alta Provenza, onde a lavanda é moi cultivada para perfumes (de lavanda, claro).

    A lavanda dáse ben en Mos; esa é terra agarimosa. Heheh

    Leva á práctica: colle varios talos de lavanda (xa sabes onde os hai), quítalle as follas inferiores da parte a enterrar e espíchaos onde a queiras ter. Faino pronto, antes de que veña moito frío. A maioría hache de prender.

    ResponderExcluir
  3. Espero que che vaia moi ben un bico!!

    ResponderExcluir
  4. A verdade é que é un gusto tela no xardín, eu tívena preto do camiño da casa e daba gusto entrar.
    Medra moito e puxémolo noutro sitio.
    A mín encántame.
    Alédome de poder falar con todos vos.
    Bicos.
    Carmina.

    ResponderExcluir
  5. Carmina, eu tamén me aledo de verte por este "xardín" en formación.

    Bicos

    ResponderExcluir