06/09/2009

Herba luísa


Aloysia triphylla (ou Lippia citriodora)

É a miña planta aromática favorita (tamén foi así para boa parte do alumnado); o seu arrecendo a limón é intenso e moi agradable.

Arbusto de folla caduca que, se non o podamos, acada os 2 - 3 m de altura. As súas follas de cor verde clara soltan un forte e delicado arrecendo a limón cando as rozamos coa man.

Perde as súas follas cando se fan duros os fríos do inverno.


É nativa da Arxentina, Chile e o Perú, do sur de América. Introduciuse en Europa no s. XVIII.

Florece no verán, con pequenas flores brancas en panícula.

Propiedades: Aromática e medicinal (en menor medida condimentar).

Utilízase en infusión para problemas dixestivos; tamén é calmante.

É moi axeitada para licores.

Aromatiza excelentemente aceites e bebidas ou comidas refrescantes. A un cóctel frío apórtalle un toque exótico e aromatizante que o fai perfecto.

Vai ben con peixe.


En aromaterapia aporta calma e benestar polo que é boa para calmar os estados nerviosos.

Aprovéitanse as follas, verdes ou secas.

Poda: É conveniente podala 2 ou 3 veces no ano para manter un tamaño menor, máis redondeada e maior produción de follas. Tamén se pode deixar libre, sen podar.

Solo: Prefire os solos lixeiros e profundos.

Exposición: Sol

Reprodución: Abacelándoa ou emporcándoa (dobrando e metendo algún ramallo no chan ata que bota raíces) e por estacas, de leña dura no inverno e semileñosas na primavera-verán. Aquí, na nosa Terra, non produce sementes viables.

Nenhum comentário:

Postar um comentário