22/06/2011

San Xoán

Serpón ou serpol. Thymus serpyllum

Chegou San Xoán. Días grandes, noites pequenas, sardiñadas, lume novo... e as clases que acabaron.

Eu fun ver o arrecendario, un pouco descoidado
de tan ocupado que andei, e atopei, para miña alegría, varios tomiños en flor. San Xoán, xa chegou o verán! Eu, sen facer ruído, abrinlle a porta con gusto.

No Porto e en Braga xa teñen preparado o manjerico con unha quadra feita para a ocasión para namorar ou agasallar. Comezan as súas grandes festas no Minho. Boa falta lles fará! Co que está a chover por alí a nivel económico e social (
non perdades de escoitar aquí a magnífica canción de Deolinda, "Que parva que eu sou"). Boas serán as festas e os martelos a martelar nas cabeciñas de grandes e meniños esta noitiña e aínda algún que outro allo porro a pasar polo nariz.

Por aquí botarémonos ao monte á procura do tromentelo, un tomiño a rente do chan, silvestre case sempre e que este ano está agora en flor. O seu arrecendo ha ser mellor. Eu realmente ao monte non vou, tróuxono para a casa e naturaliceino no meu xardín, entre dúas lousas.
-Rapaciña bonita, con que lavas o pelo?
-Cunha planta do monte chamada tromentelo.

Manda a tradición botar uns anacos do tromentelo nun cacho con auga xunto con outras herbas de San Xoán (o hipérico, a herba luísa... todas ben cheirentas menos a ruda) e lavarse ao outro día pola mañá; disque así é como acai á ocasión. Non abusedes da ruda nesta mestura, que dá mal cheiro, se queredes achegarvos a alguén querido. Quedades avisados!

Tromentelo.Thymus caespititius

12/06/2011

grande equipo


Conto con un grandísimo equipo...haha... e perfectamente equipado, non é?

Regar, arrincar herbas, mirar e aprender... Os momentos preferidos son os recreos.

Tamén descubrimos. Hai cabazos moi raros que por parecer non parecen cabazos.
Os tomates medran (os tomates cherry moito menos cós outros), mais aínda están todos verdes.


Algunha vez tamén tocou probar o que se producía: os cogombros ("pepinillos").