22/06/2011

San Xoán

Serpón ou serpol. Thymus serpyllum

Chegou San Xoán. Días grandes, noites pequenas, sardiñadas, lume novo... e as clases que acabaron.

Eu fun ver o arrecendario, un pouco descoidado
de tan ocupado que andei, e atopei, para miña alegría, varios tomiños en flor. San Xoán, xa chegou o verán! Eu, sen facer ruído, abrinlle a porta con gusto.

No Porto e en Braga xa teñen preparado o manjerico con unha quadra feita para a ocasión para namorar ou agasallar. Comezan as súas grandes festas no Minho. Boa falta lles fará! Co que está a chover por alí a nivel económico e social (
non perdades de escoitar aquí a magnífica canción de Deolinda, "Que parva que eu sou"). Boas serán as festas e os martelos a martelar nas cabeciñas de grandes e meniños esta noitiña e aínda algún que outro allo porro a pasar polo nariz.

Por aquí botarémonos ao monte á procura do tromentelo, un tomiño a rente do chan, silvestre case sempre e que este ano está agora en flor. O seu arrecendo ha ser mellor. Eu realmente ao monte non vou, tróuxono para a casa e naturaliceino no meu xardín, entre dúas lousas.
-Rapaciña bonita, con que lavas o pelo?
-Cunha planta do monte chamada tromentelo.

Manda a tradición botar uns anacos do tromentelo nun cacho con auga xunto con outras herbas de San Xoán (o hipérico, a herba luísa... todas ben cheirentas menos a ruda) e lavarse ao outro día pola mañá; disque así é como acai á ocasión. Non abusedes da ruda nesta mestura, que dá mal cheiro, se queredes achegarvos a alguén querido. Quedades avisados!

Tromentelo.Thymus caespititius

Nenhum comentário:

Postar um comentário