24/03/2011

Dourado relucente

Aeonium arboreum atropurpurea

Unha linda flor dourada, mellor tres florazas, para unha magnífica planta coa folla case negra.
A flor vén cando máis falta fai e máis pode destacar, no medio do inverno.
E vén para durar, bota ollando ao ceo uns dous meses.
Non é pouco!

Se queres que destaque aínda máis, vaille dando unha forma arbórea.

Ausencia de xeadas e moito sol é o único que pide.

21/03/2011

Floreceu a sakura

A primavera xa viña anunciando que chegaba... e un bo día, unha forma calquera de dicir hoxe, chegou. E nós aquí... agradecendo.

A entrada da primavera, a festa das cerdeiras en flor, é un magno acontecemento no Xapón. Este ano boa falta lles fai que floreza a sakura, que a cerdeira lles traia unha primavera que leve o duro e moi sufrido final de inverno!

13/03/2011

O Pai Inverno vai fóra


Fun ver Gondomar e isto é o que alí vin.
As magnolias andaban de troula a despedir o inverno.

Flores en forma de tulipán ou de estrela anunciándonos que a primavera non ha tardar en vir.

Primeiro saíron as máis claras (a magnolia soulangeana, unha arboriña, e a m. stellata, un arbusto), xa levan bastante máis de un mes coa flor, agora ao remate compartindo espazo xa coa folla nova. Hai pouco, no cambio de mes, floreou a m. liliiflora, un arbusto de escasa idade, coa flor máis púrpura.