18/12/2009


Cada vez máis guiamos a natureza a onde queremos.

A natureza aparentemente libre e salvaxe (disque natural) é pouco natural; se se prefire, é moi humana (para algúns, demasiado). Traballamos, traballan outros por e para nós, as veigas e leiras para producir o que queremos, ou o que podemos; os mares pouco profundos das nosas rías semellan leiras para aproveitar a súa riqueza de marisco e de sargazos comestibles (aquí aínda hai moito que andar ou mellorar).

Ultimamente estase a mellorar moito na asociación fungo e vexetación para tirar proveito, é dicir, para levar algo á boca que nos resulte de interese. Eis, a asociación de castiñeiros micorrizados con boletus para conseguir un dobre aproveitamento: castañas e madeira por un lado e por outro os valiosos cogordos ou boletos tan desexados no noso outono. Por riba esta micorrización fai máis resistente ao castiñeiro.

Son os tempos que corren... e está ben que así sexa?

Hai novas propostas para aplicar a pequena escala nesta liña.
Vede senón a proposta que nos ofrece o cantinho das aromáticas con todo ben explicadiño (produzir-cogumelos-em-sacos). Non só recolleremos cogumelos, senón que tamén os produciremos. Todo ben!

01/12/2009

Infusión de menta

Foto: collida da net

Unha infusión de menta sempre senta ben; faise gustosa no padal e tranquilizadora para estómago e intestinos.

É moi utilizado no norte de África o
té con menta para dar a benvida aos visitantes. A menta acaille dende logo moi ben ao té. A variedade de menta usada no Sahara para acompañar é a menta verde (mentha spicata = mentha viridis).

De mentas temos moitas variedades. Da menta poexo non debemos abusar, mais das outras mentas podemos tomar canto queiramos.

Aí vai unha menta!





21/11/2009

xardíns comunicantes

Foto: ?

Unha sorpresa. O xardín continúa no socalco inferior.

E faise o círculo.
Un esquema ben equilibrado e regular, moi clásico, mais con unha sorpresiña.

14/11/2009

Linda natureza

Foto: ?

Algúns xardíns fanse sos, ou case. E hai veces que resulta difícil superar estes xardíns que a natureza creou para nós.


Cómpre querer velos. Hai que aproveitar eses poucos momentos de bo tempo que temos entre choivas para saír, pasear e... deliciarnos.


Quen non quere ver?


É outono.

05/11/2009

Flor cara adentro


Hai uns días saboreei unhas brevas. É tempo de elas alá por interior da nosa terra.

Mi madriña, que ben sabían!!

Despois de comer algunha...cinco ou seis, nada máis... a vista levoume "ao seu cu". Provocativo, unha cor vermella ben rechamante envolvía a súa abertura e, ás veces, deixaba ver o seu interior. Unha delicia!


Os figos e as brevas son un caso curioso. As súas flores medran cara adentro e acaban por dar un falso froito (tecnicamente había que chamarlle sicono), o figo.

Que vos aproveiten! Se tedes ocasión.

23/10/2009

Lavanda no teu recanto

Foto: gpdata

Propiedades. Aromática e medicinal. Úsase moito en colonias e perfumes e en aromaterapia para facilitar o sono. Tamén se emprega en infusións para aromatizar.


Os seus ramalliños floridos secos métense en bolsiñas de tea tanto para meter nos armarios dando un bo cheiro á roupa coma tamén para evitar a couza, ese ser vivo que tanto mal pode facer na roupa que movemos pouco.


Vai moi ben ao lado das roseiras para evitar o pulgón (tampouco fai milagres) e visualmente coma contrapunto de cor.


Solo. Dáse ben en solos secos e pouco fértiles. Calquera solo pode ser bo se drena ben e está moi exposto ao sol.



Exposición. Acaille ben un lugar solleiro (moito sol). É planta de clima mediterráneo.
Resiste ben o frío.


Reprodución. Multiplícase espichando anacos das súas póliñas de 10 - 15 cm. Tamén se pode dividir o mato de lavanda.



Poda. Recórtaa en abril e ao rematar a floración (abona despois de recortar, só se a queres máis vizosa). É conveniente podala para que non se faga desgarbada e se afee. Tamén se poda con forma redondeada cando hai varios arbustos formando un conxunto.



19/10/2009

LAVANDA


Lavandula angustifolia



É un pequeno arbusto aromático de medio metro de alto e outro tanto de
largo, aínda que pode ser máis alta.

As súas follas son estreitas (angustifolias = follas estreitas) e glaucas (verde agrisalladas). A súa flor ten forma de espiga, de cor azul lilácea.


É frecuente en xardín de herbas aromáticas, por ser decorativa e aromática á vez, pode tamén facer un bordo ou unha sebe baixa, recortada ou libre, moitas veces nas beiras de un paseo.


Ademais da lavanda angustifolia hai outras moitas variedades, algunhas silvestres outras de cultivo ou xardinería: L. dentata, L. stoechas (coñecida como cantroxo, cantroxiña... e existente como silvestre en diversas zonas moi soleadas dos nosos montes) …


Despois de 5 anos é mellor renovar estas plantas para manter unha forma bonita, aínda que pode durar bastante máis anos.


Cultivada e moi utilizada na Provenza, no surleste de Francia. De aí son moi coñecidos os seus perfumes de lavanda.



10/10/2009

Recanto


Este recanto, pequeno el, ofrece unha importante variedade de cores. Ai, mais como nas feiras, aínda damos máis polos mesmos cartos: esa sinfonía de cores muda co tempo ao longo do ano.


Subimos a oferta para que non quede aí a cousa: mentas, xarxa e santolina danlle un cheiriño acolledor.


Para os máis inconformistas: as pedras de granito, redondas coma os nosos montes, fanlle o aconchego ao noso recanto.


Non fai falta moito para facer unha delicia. E quen non ten un recuncho?!

05/10/2009

Mentas


Hai moitas variedades de mentas. Ademais, cambian bastante segundo o tipo de terra na que bebe e come, e a cantidade de sol que reciban. O seu cheiro, sempre a menta, tamén pode ser moi diferente: moi forte coma o da foto, suave nos poexos, moi mentolado...


As máis coñecidas son o poexo, a menta verde e a menta piperita (esta realmente é un híbrido).


A menta verde (Mentha spicata = M. viridis) é moi utilizada polos árabes para o seu té verde (viridis=verde). O poexo e a piperita son as dúas máis utilizadas aquí para infusión.

28/09/2009

O mentraste veu en flor

Mentha rotundifolia

O mentraste ou menta brava nace silvestre nos prados e veigas.
É pouco valorado como menta (algúns dubidan da súa condición e chámanlle falsa menta).

Iso si, cando nos pican as estrugas ou ortigas, resultan moi ben para calmar o pruído... e sempre están alí á beira. Eis, a natureza dános o bo e o malo!


Ai, por certo, a avespa non me picou! Debíalle gustar que a sacase de corpo enteiro... aínda que eu non as tiña todas comigo.

22/09/2009

Alfabacas e manxericos



A alfabaca ou albahaca(Ocimum basilicum) ten a folla grande, mentres que o manxerico (Ocimum basilicum minimum) ten a folla pequena.


Os dous son de tamaño pequeno.
Son, na nosa zona, plantas anuais, que se sementan no inicio da primavera e morren antes do inverno. Se os temos no interior, poden vivir un ano máis.

Follas moi usadas na cociña e forte arrecendo. As flores son brancas e tamén cheiran moito.

As propiedades son semellantes nas dúas especies.

O seu cheiro disque repele insectos; por isto, é colocado nas fiestras para que debido ao seu forte aroma non entren mosquitos ao interior e, ao tempo, que aromatice o interior.


Propiedades. Condimentar, medicinal e aromático. Axeitado para tortillas, carnes, peixes, ensaladas ... Condimentar só ao remate de cociñado, sen cocer as súas follas.
Tamén pode tomarse en infusión e facer prebe ou salsas; é fundamental no "pesto" italiano. Mellora as dixestións, evita as flatulencias, é bo para gripes e constipados.

Solo
. Rico e ben drenado


Exposición. Moita luz, mais vaille mellor sen demasiado sol directo (o sol do mediodía pode queimar as súas follas).

Reprodución. Por semente, na primavera (tarda uns 15 días en prender).

Se queremos ter un "manjerico" ao estilo minhoto plantar nun tarro de barro varias sementes próximas para que dean forma redondeada e máis vistosa.

11/09/2009

Auga

Nimes. Xardín da Fontana



Unha calor insoportable.

As chicharras facendo un ruído monótono e moi pesado.


O ceo ameazando tormenta; tormenta que á fin non chegou.


A auga aí a refrescar.
Agradécese, agradeceuse, nun día así.

06/09/2009

Herba luísa


Aloysia triphylla (ou Lippia citriodora)

É a miña planta aromática favorita (tamén foi así para boa parte do alumnado); o seu arrecendo a limón é intenso e moi agradable.

Arbusto de folla caduca que, se non o podamos, acada os 2 - 3 m de altura. As súas follas de cor verde clara soltan un forte e delicado arrecendo a limón cando as rozamos coa man.

Perde as súas follas cando se fan duros os fríos do inverno.


É nativa da Arxentina, Chile e o Perú, do sur de América. Introduciuse en Europa no s. XVIII.

Florece no verán, con pequenas flores brancas en panícula.

Propiedades: Aromática e medicinal (en menor medida condimentar).

Utilízase en infusión para problemas dixestivos; tamén é calmante.

É moi axeitada para licores.

Aromatiza excelentemente aceites e bebidas ou comidas refrescantes. A un cóctel frío apórtalle un toque exótico e aromatizante que o fai perfecto.

Vai ben con peixe.


En aromaterapia aporta calma e benestar polo que é boa para calmar os estados nerviosos.

Aprovéitanse as follas, verdes ou secas.

Poda: É conveniente podala 2 ou 3 veces no ano para manter un tamaño menor, máis redondeada e maior produción de follas. Tamén se pode deixar libre, sen podar.

Solo: Prefire os solos lixeiros e profundos.

Exposición: Sol

Reprodución: Abacelándoa ou emporcándoa (dobrando e metendo algún ramallo no chan ata que bota raíces) e por estacas, de leña dura no inverno e semileñosas na primavera-verán. Aquí, na nosa Terra, non produce sementes viables.

22/08/2009

Xardín de tarros

Foto: ?

Aquí vai un xardín plenamente moderno.
Menor consumo de auga e maior comodidade no mantemento do xardín.

Forma, repetición de elementos e cor




A quen non lle gusta?

02/08/2009

Xardín e xogo (II)

Arte de recorte especial no xardín. Todo para sorprendernos.
O crocodilo, atrapado e partido en dous, antes de chegar á auga; o coello, a espreitar.

Mundo cruel (tamén para o crocodilo).



Paciencia no tempo para darlle forma e sabedoría.

As tesoiras son as amas na topiaria.







Xardíns-xogo... para ver

26/07/2009

Xardín e xogo



Un xardín para xogar,
para apañar
unha sorpresa (nada, un pequena molladela)
e para levar os meniños.












Olliño onde pisades!

Gustades?

22/07/2009

Tromentelo


Thymus caespititius

O seu nome parece ser unha deformación de dúas voces: tomentelo e tormenta.
Tamén é coñecido como tormentelo e trementelo.




- Dime, rapaza bonita,
con que te lavas o pelo?
- Cunha herba do monte
que lle chaman tromentelo.

- Mozas dalá de alá darriba,
con que lavades o pelo?
- Lavámolo cunha pranta do monte
que se chama tromentelo.

Este subarbusto perenne é un tomiño de moi pouca altura que podemos ver ás veces nos nosos montes. Arrástrase polo chan non levantando máis de 15 cm e pode acadar, sen embargo, os 45 cm cara aos lados.
Ao tocar as súas follas solta un forte arrecendo a tomiño.
Flor rosa (tamén lila ou branca). Florece de finais da primavera ao verán.

Axeitado para plantar entre pedras de camiños pouco pisados. Práctico nas rocallas e nos xardíns de baixo mantemento.

Propiedades: aromática, medicinal e condimentar.

Solo: areento e ben drenado

Exposición: soleada

Atrae insectos útiles.

16/07/2009

Villandry



Entre os máis grandes xardíns do mundo está, sen dúbida, o do Chateau de Villandry, no val do Loira, en Francia.

Xardín amplo, de vexetais recortados e domesticados polas tesoiras, das cores, dos sentidos, da horta-xardín... Unha delicia!

Só unha pega vin eu, cando alí fun; o seu xardín de aromáticas non me gustou. Hahaha...paréceme que van ter que cursar visita ao Pena de Francia

30/06/2009

Feliz



Feliz.
Feliz cada vez que chega un 30 de xuño.
Só este 30 do ano é que...non sei eu ben, pero ten un aquel...que outros días non teñen. Nada. Nin comparación.

Mais este ano non veu de todo feliz: despedidas, xente que un quere e da que se aparta...