Mostrando postagens com marcador camiños. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador camiños. Mostrar todas as postagens

10/02/2009

Un camiño no teu xardín (3)

Cando nos pareza que xa sabemos o tipo de xardín que queremos, debemos pasalo da cabeza ao papel; facer un debuxo con certo detalle do que imos facer. Aquí debemos facelo a escala, a nivel caseiro podemos utilizar unha folla de caderno cuadriculada e por exemplo cada metro no terreo que se corresponda con tres cadradiños na folla de un caderno que teñamos. Por último marcamos no terreo con espetos e cordel.

Algunhas veces facemos retoques: cando pasamos a marcalo no propio terreo hai cousas que non nos cadran e vemos outras que antes nin nos deramos conta; xa está, facemos algún retoque.
Tamén nos pode facer mudar o
deseño do xardín cando vemos o material co que contamos e queremos aproveitar eses elementos; por ex., o noso recendario ía ser de 12 x 3 m e quedou en 9,63x2,36 m por querer aproveitar uns troncos que tiñamos -constituían un estorbo e eran xeitosos para o noso xardín-.
Se reducimos o tamaño do xardín, o camiño tamén ha de reformarse; así, o noso recendario de tres rotondas pasou a dúas e fíxose máis estreito (50 cm en lugar dos 60 proxectados).

Xa ves, case todo ten un apaño, pero, olliño, un camiño debe ter como mínimo 50 cm; do contrario, andaremos con dificultades por el.

02/02/2009

Un camiño no teu xardín (2)

A pedra nos camiños nosos queda ben, de marabilla diría eu. Dálle un toque elegante, integrándose perfectamente co medio, de calidade e á vez natural; pero haina que colocar con xeito, haille que buscar o asento, que quede á mesma altura e que diga ben. O que só vela guste , ás veces sen saber moi ben por que, é o máis difícil de lograr. Parece fácil, mais non o é tanto. Probade e veredes que non se trata só de pousar as pedras no chan e encher todo o espazo. Que va! Nin moito menos.
Nos laterais rectos debe ter liñas dereitas; no medio, mellor liñas máis redondas e pezas máis irregulares. Os tamaños das pedras tamén importan e deben combinar. Deben evitarse as liñas ou cortes rectos de cabo a rabo polo medio así coma as liñas ao través; as raias cómpre ilas matando.
A ver ti, con esa cara de espabilación que ti tes, se es quen de atopar unha pedra que non está de todo ben nesta rotonda! A ver que finos sodes. Agardo comentarios vosos.

22/01/2009

Un camiño no teu xardín (1)

Os camiños nos xardíns facilitan o seu uso e disfrute, organizan o terreo, adornan e pódenlle dar un toque especial. Todo isto, claro, se está ben feito; se o seu tamaño, forma e posición é axeitada.
Hai camiños que se convirten en elementos de valor, son acordes ao noso xardín e útiles. Hai camiños que nos levan da man e dirixen a nosa mirada. Hai camiños que nos transportan e nos fan perder coma por engado; lindos eles.
Tamén hai camiños que nos preguntamos para qué demo están aí, que non levan a ningures e molestan á vista, camiños que dan gañas de disimular tapando no posible a súa vista con plantas e arbustos. En fin... hai camiños e camiños.
O primeiro a ter en conta é o tipo de xardín que queremos. Si... primeiro temos que ter claro o que queremos (e se temos condicións para facelo).
Un camiño será distinto se o noso xardín é regular ou de forma libre. Se é regular, o camiño tamén o ha de ser: debe ser equilibrado, mantendo as mesmas distancias e proporcións. Por contra, se o xardín ten forma libre, o camiño tamén ha de dar esa impresión e, curiosamente, non é máis doado; ben polo contrario, haberá que probar máis ata dar coa forma axeitada.