Mostrando postagens com marcador xardinando. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador xardinando. Mostrar todas as postagens

14/02/2009

O alumnado fai seu o arrecendario


Viñeron días de sol e algunha calor ao mediodía. Por fin! Veu o sol, aínda que, polo de pronto, a calor ben a aguantamos. Xa din os vellos que "nunca choveu que non escampara".

As nosas herbas vanse repondo e estarricando; mais fano con coidado e disimulando, non vaia ser que o vello inverno volva dar un ramalazo.



As rapazas e algún rapaz tomaron o sacho e procuran ter as malas herbas á raia, que as malas sempre aproveitan todos os ventos a favor.
Non queren que lles pase o que o vello Confucio dixo e comenta con atino Chousa de Alcandra nas súas Breves: "Non son as malas herbas as que afogan a boa semente, senón a neglixencia do labrador".
Por se acaso... ou porque o pasan ben facendo ben.

10/02/2009

Un camiño no teu xardín (3)

Cando nos pareza que xa sabemos o tipo de xardín que queremos, debemos pasalo da cabeza ao papel; facer un debuxo con certo detalle do que imos facer. Aquí debemos facelo a escala, a nivel caseiro podemos utilizar unha folla de caderno cuadriculada e por exemplo cada metro no terreo que se corresponda con tres cadradiños na folla de un caderno que teñamos. Por último marcamos no terreo con espetos e cordel.

Algunhas veces facemos retoques: cando pasamos a marcalo no propio terreo hai cousas que non nos cadran e vemos outras que antes nin nos deramos conta; xa está, facemos algún retoque.
Tamén nos pode facer mudar o
deseño do xardín cando vemos o material co que contamos e queremos aproveitar eses elementos; por ex., o noso recendario ía ser de 12 x 3 m e quedou en 9,63x2,36 m por querer aproveitar uns troncos que tiñamos -constituían un estorbo e eran xeitosos para o noso xardín-.
Se reducimos o tamaño do xardín, o camiño tamén ha de reformarse; así, o noso recendario de tres rotondas pasou a dúas e fíxose máis estreito (50 cm en lugar dos 60 proxectados).

Xa ves, case todo ten un apaño, pero, olliño, un camiño debe ter como mínimo 50 cm; do contrario, andaremos con dificultades por el.