13/01/2010

Non chove a gusto de todos

http://sobreturismo.es/wp-content/uploads/kenrokuen_nieve.jpg

Este inverno vén bravo: un frío que nos arrecanta na casa, xeadas, neve onde había moito tempo que non se vía, temporais de chuvia e do vento que zoa coma nos mellores tempos...; non me vou queixar, mais vén completiño.
Ai, se nos abandona a calefación, aquí non quedaba vivo "nin can nin gato"! E... disque imos para un clima moito máis quente. Pois menos mal!


Algunhas plantas e árbores coma o xacarandá ou a tibuchina están a sufrir (e outras, as de climas quentes, a morrer). Convén empallar o chan ou botar follas medio metro ao redor para que non xeen as súas raíces; tamén se pode facer con anacos de cartón que nos sobra se logo os cubrimos con terra (así non voan nin queda feo e co tempo desfanse e serve de abono).
Ás arbores de folla perenne e delicadas cómpre pórlles unha cubrición temporal que os abrigue na súa copa.

Ai, mais todo isto haino que facer ao seu debido tempo, antes do mal tempo; cómpre, tamén aquí, ser precavidos.



5 comentários:

  1. Esquecinme de botarlle as follas a xcarandá do cole espero que sobreviva.

    ResponderExcluir
  2. Ola Antón,
    Aínda que xa che respostei no meu blog sobre ese comentario teu que parece que se perdeu no "limbo"; quería tamén aclarar aquí que en modo algún habilitei moderación de comentarios na Chousa co ánimo de cortar o posible desacordo coa miña opinión, ou coa doutra persoa comentarista, alí verquida.
    Con máis razón aínda no teu caso, nos que as tuas aportacións son sempre moi benvidas.
    Estou seguro de que sabes que non é esa a finalidade. Algo fallou, non sei o que; pero asegúroche que non tiven comentario teu ningún que eu rexeitase.

    Unha aperta

    ResponderExcluir
  3. Falando de xeadas e friaxes, este ano pasoume cunha glicinia algo que me ten preocupado. Resulta que como o outono veu tan cálido volveu brotar e incluso chegou a sacar follaxe novo. Xa te imaxinarás o que lles pasou a esas folliñas novas no pasado decembro...Meu pai (sempre agoreiro dos peores males) dime literalmente que "a partiu un raio". Eu non a vexo morta; pero tampouco lle vexo moitos latidos. Algunha suxerencia para mitigarlle o mal sufrido?
    Apertas outra vez

    ResponderExcluir
  4. A glicinia é dura e resistente, mais polo que parece trabucouse un pouco e non contou co duro inverno. Supoño que estará nun lugar abrigoso e iso puídolle facer pensar o que non era.

    Eu, así a distancia, penso que non pasou de uns simples "sabañóns" e que non perdiches o exemplar. Pódaa agora en febreiro (a lúa xa cha di teu pai), posiblemente un pouco máis do normal pois ha ter moitos estremos mortos. Se tes moita sorte hala de ver acugulada de flores alá no mes de abril; do contrario, perdiches este ano, mais ha de volver agromar aínda que o faga máis abaixo. É difícil que morra de todo (polo menos se estaba ben asentada).

    ResponderExcluir
  5. Podeina esta pasada semana, e percibinlle vida; pero tiñas razón: tiña moitos estremos sequiños de todo. Xa veremos que pasa en abril...

    ResponderExcluir