30/06/2009

Feliz



Feliz.
Feliz cada vez que chega un 30 de xuño.
Só este 30 do ano é que...non sei eu ben, pero ten un aquel...que outros días non teñen. Nada. Nin comparación.

Mais este ano non veu de todo feliz: despedidas, xente que un quere e da que se aparta...

23/06/2009

O manxerico en Portugal

Foto: Zwigmar


O manjerico (Ocimum basilicum minimum), a "erva dos namorados", é a planta mais popular das festas de S. João tanto no Porto coma en Braga. Algo semellante ocorre coa de Santo António en Lisboa.

É a planta dos namorados ou dos que desexan namoro.

Véndense en tarros dándolle unha forma redondeada. No testo cravan unha bandeiriña na que escriben unha copla ou "quadra" alusiva ás súas calidades, ao San Joao, á festa cos amigos ou ao namoro.

"Ó meu rico Sao Joao,

eu gosto de ti assim:
a sardinha a pingar no pao

e os amigos juntos de mim!!"

Olla o meu manxerico,
de idea ben orixinal,
un cheiriño ben lindo,
forma feita sen igual.

A que ben cheira, pois entón,
o manxerico fenomenal;
cheira a imaxinación
vida de quen é habitual



A noite de San Xoán celébrase moito no norte de Portugal, no Minho; celébrase máis aínda que aquí: sardiñas asadas, viño verde, festa popular toda a noite, regalo do manxerico coa correspondente "quadra", o allo porro a pasar polo nariz... Ben, o allo porro xa comeza a escasear e vai sendo substituído para a ocasión polos marteliños de plástico a bater nas cabezas, sexan meniños ou maiores, coñecidos ou non.



Algo distinto, potente e moi vivo para a noite máis pequeniña.
É aí, a un paso.




16/06/2009

Endemismo no arrecendario

Thymus mastichina


Xa está; despois de moitas voltas e comprobacións, as flores acabaron de "cantar": temos un endemismo no noso arrecendario.

Ás veces as cousas xorden e veñen dadas. Así, sen querer.
O tomiño maior, ese que aparece acompañando a Gabriel, de 5º, na foto, é un endemismo ibérico, existente só en Portugal e España. Tamén en Galiza.

É verdade, temos un "Thymus mastichina"
.

Este veu da comarca do Sayago, no suroeste de Zamora. Unha terra con moito granito (este tomiño dáse mellor nos terreos silíceos ca nos calcarios) e con fermosos portóns tradicionais (alí tamén cada vez xa quedan menos).

13/06/2009

Festa da Rosa


Neste mes no que as herbas medran por todos os lados, Mos adica un día á rosa.

Rosas con formas bonitas e rosas co mellor arrecendo.
Ai, que pena! Cando queremos máis arrecendo temos que perder un pouco na forma.
Éche o que hai!



Esta noite en Ponteareas, Gondomar, O Porriño...toca traballar (en Bueu e Ares farano pola mañá).

Noites longas de dispoñer polo chan os mellores tapetes floridos. Follas e pétalos (os de rosa este ano andan escasos) conformando un cadro para un momento.
Arte efímera.

05/06/2009

Unha árbore para aquí deixar



Xacarandá (Jacaranda mimosifolia)


Unha árbore para deixar aquí, por nós, que imos fóra;
mais aquí, chantada na terra, deixa para sempre a marca da nosa ausencia, que xamais será de todo.


Árbore delicada, nativa do Brasil e de nome brasileiro,
temerosa das xeadas (as "neves" invernías ditas en Mos),
de fermosa e espectacular floración azul (ou azul violácea), en xuño.






Nós recitámoslle un poema moi axeitado para o
momento.



Escoita (podes ler en alto):



Árbore,
cando eu marchar has aquí ti quedar.
Has de ver pasar outras xeracións.
Has de oír as cancións
De outros nenos, outras Primaveras.
A carón túa, meu fillo, hei de soñar

as miñas antigas, ilustres quimeras.

Árbore,
Cando eu marchar, has de falar
de min, que te plantei.

E, en cada ramallo novo que brotar,
Serás un xesto meu a perdurar:

- Por ti, de todo,

xamais marcharei …

Francisco Bugalho (adaptación miña )


04/06/2009

A 2ª enquisa dixo

Feita a visita da maioría dos grupos ao arrecendario e despois de ter cheirado a gusto
o noso centro aclama á herba luísa como a principal preferida.

En segundo lugar quedaron as mentas (sobre todo o poexo e a menta piperita).

Deseguido, e por esta orde, o tomiño alimonado, a lavanda, a nébeda, o pelargonio aromático,o tomiño, a melisa, o romeu, o fiúncho, incenso, ourego, tromentelo...

A aromática que menos votos recibiu foi a xarxa (a salvia), aínda que cómpre anotar que a santolina foi denostada por moitos dos visitantes que a quixeron mandar para o fondo do recinto escolar a acompañar a ruda, dado, para eles, o seu cheiro tamén desagradable.

26/05/2009

Aí vai a 2ª enquisa



A 1ª enquisa, aquela que preguntaba que gustaba máis do arrecendario deu o seguinte resultado:


Como está feito
12 (33%)
Observar e cheirar as plantas
3 (8%)
O camiño de pedras con rotondas
16 (44%)
Participar (marcar con serrín, coidar as plantas...)
4 (11%)
Enredar nel
1 (2%)


Agora imos facer outra enquisa sobre o noso arrecendo/planta do arrecendario preferidos.

Cal é o arrecendo preferido das nosas plantas aromáticas?

Pasamos docemente a man polas follas de cada unha de estas plantas e levamos ao nariz o arrecendo que nos deixou.
Afinamos o noso olfacto. Así unha planta trala outra.

Non te esquenzas da ruda que está ao fondo de todo, pegada ao valado metálico.

Cheiradas todas, sempre hai unha que nos gusta máis; esa é a nosa preferida.

Miramos o seu nome e votamos por ela. Podémolo facer no blog, en comentarios; esta é a mellor opción para os que non sodes alumnos. Para os que aínda non o fixestes nunca: pinchamos en comentarios e escribimos na fiestriña que se abre
; a continuación, escollemos "Anónimo" e dámoslle a publicar comentario (queda ben indicar quen escribe). Por último, comprobamos que aparece publicado.

O
alumnado debe votar na folla dada a cada grupo. Como non, tamén pode facer comentario (neste blog somos moi tolerantes).

Axiña saberemos cal é a que máis nos gusta.
A nosa preferida.

22/05/2009

Xardíns que non parecen


Festival de xardíns do castelo de Chaumont-sur-Loire






Hai xardíns cheos de plantas,
ás veces cheos de flores.


Tamén hai,
e cada vez máis,
xardíns espidos de vexetación.
Estes, coma estas pedras, van en aumento.


Son os tempos que corren.

19/05/2009

A ruda

Ruta graveolens

A ruda é unha planta de porte erguido que se vai facendo leñosa a medida que medra. Pode chegar a un metro de altura.
As follas son
pequenas, glaucas (verde grisáceo) e alternadas.
As flores son de coloración amarela.

É orixinaria da Europa mediterránea.

Ten un cheiro forte bastante desagradable.
Por isto está colocada ao fondo, separada das outras aromáticas e pegada ao valado metálico

Foi moi utilizada no pasado ao longo da historia. Defendía e curaba o mal de ollo.
Era unha das herbas que se deixaban fóra na noite de San Xoán para logo lavarse con elas pola mañá.
Olliño! A ruda pode producir a algunha persoa alerxia na pel por contacto.

Propiedades: Medicinal. Axeitada para as menstruacións (infusión con unha culleradiña de ruda, máx. 2 veces ao día); tamén aumenta a resistencia dos capilares sanguíneos. As follas verdes ben machucadas utilízanse coma cataplasma para grans da pel (pónselle despois unha gasa por riba).

En menor medida é utilizada como condimentar e aromática.

O seu aroma é moi forte, mais resulta desagradable. Tamén é un bo repelente de insectos.

Na cociña pódese utilizar(en moi pequena cantidade) dando un toque entre picante y amargo (utilízase máis en Italia). Pódelle acaer ben ao vinagre ese amargor metendo un ramalliño de
ruda na botella. Tamén se utiliza para licores caseiros.

Solos: É moi resistente. Recoméndase solos un pouco alcalinos, ben drenados, permeables e secos, e ricos em materia orgánica.

Exposición: soleada

Poda
: É recomendable no inverno, podendo ser intensa. Así colle mellor forma.

Reprodución: Prende ben por estaquiñas espichadas; tamén por sementes.

15/05/2009

Para que non digan!



As follas son verdes. Oín sempre.

Estou mal da vista; eu vexo mil cores na natureza.

É ou non é?

14/05/2009

Philadelphus


Philadelphus coronarius

Os filadelfos ( para outros celindas, xiringas...) abriron a súa branca flor.
Forte e perfumado arrecendo.

07/05/2009

Rosas no meu xardín

Cheira a rosas!


Benvidas de volta ao noso xardín rosas que cheirades a rosas!!

Se hai un aroma ao que todos adoran e do que ninguén renega é do da rosa. Mais, hai uns anos, foise perdendo interese polas rosas con arrecendo (a rosas!!) e estas só interesaban se eran lindas.
Si, conseguiuse que as rosas foran todas moi bonitas; mellorouse moito a súa forma, pero... perdeuse ese agradable cheiro a rosas que antes había!


O que gañaron as rosas en forma e fermosura perdérono en arrecendo.
Entre o olfacto e a vista, gañou claramente a vista.


Hoxe estamos a voltar ás rosas que cheiran a rosas. Hummm, que delicia!

Aquelas roseiras de variedades antigas, todas con moito arrecendo, outra vez interesan. Volve...por fin...cheirar a rosas!!


Outra novidade, esta realmente nova, é o uso dos pétalos soltos de rosa adornando algún plato de comida. Isto non o viran os nosos vellos, mais é a última das últimas.

03/05/2009

Reprodución... de plantas



Laura e Thais reproduciron o romeu postrado.

Si, ese anaquiño de romeu que Laura ten na man partiuse en tres anacos, espichamos (espetamos) cada un na terra e esperamos que boten raíces e así ter máis romeus.
Así de sinxelo, de este xeito tan fácil podemos reproducir moitas plantas e arbustos.

As plantas podémolas multiplicar de diversas maneiras.
O romeu soe reproducirse así como fixemos e prende ben.
Veremos dentro de un mes. A ver se non me deixa quedar mal!

O incenso tamén se reproduce por espetos ou ponliñas metidas na terra e prende de marabilla.

O incenso é a mellor planta para ensinar esta técnica de reprodución vexetativa.

28/04/2009

xasmín



Aroma a xasmín...Ummm ...para moitos moi agradable; para uns, os menos, claramente desagradable.
Non todos somos iguais e ante os arrecendos e perfumes esta diferenza tamén se reflicte.


As follas do xasmín non son aromáticas, pero si o son as súas flores, que arrecenden fortemente; acentúase ese perfume ao darse no xasmín unha apretada floración.


Hai xasmín branco e amarelo. Os xasmíns amarelos destacan no inverno e resultan moi interesante para un período do ano escaso de flor e de cor..

Dentro dos brancos e aromáticos nós temos dúas variedades: o xasmín corrente ou mediterráneo (Jasminum officinale), tres pés ao remate do arrecendario, tralo valado de madeira do fondo; outros tamén recubrindo o poste de electricidade (cando conseguirá disimulalo?), existente á entrada do colexio, e no socalco de grava que hai ao lado.

O outro, o xasmín chinés (Jasminum polianthum), no xardín triangular, á beira do camiño de entrada. Os dous son difíciles de diferenciar, semellantes en folla e flor, tamén parecidos no arrecendo. A grande diferenza práctica témola no período de floración: abril-maio para o común e todo o ano para o chinés.

24/04/2009

Será, será...



As plantas non sempre as coñecemos ben.

Dicíame Thais, este venres último, eu trouxen unha planta que poñía menta, pero é seguro coma esta, unha melisa.

Certo, a colaboración e participación das familias, moi interesante e coa que estou satisfeito, creoume problemas coa denominación de varias plantas: unhas por estar mal identificadas, outras por ser variedades complexas.

Aínda ando a darlle voltas a un tomiño, será o tomentelo normal, Thymus vulgare ou será o Thymus mastichina, o que me parece máis probable. Dentro das mentas tamén temos tres variedades distintas, ademais da híbrida menta piperita.

Algunhas veces chamámolas por un nome que non é...ou non debera ser tal. Outras veces, a mesma planta en cada zona ten un nome distinto e non resulta fácil entenderse.

E isto pasa en todas as linguas.

Por iso, ademais do nome vulgar, hai un nome científico que debía valer para todas as linguas; grande avance, mais... non... non sempre hai coincidencia:
a herba luísa conta con dous nomes científicos, Lippia citriodora ou Aloysia tryphila.



Quen non está ao tanto de isto ten unha boa lea montada!


Romeu



Rosmarinus officinale


É un arbusto aromático que pode chegar se non se poda aos 2 m.

Acepta ben o recorte e a poda polo que é usado tamén para formar sebes.


É unha das plantas aromáticas máis melíferas; existen incluso meles específicos de romeu.
É a planta aromática preferida das abellas.

Existe outra variedade rastreira, pouco amiga de medrar cara arriba e que colga máis do que sobe; medra cara aos lados e sempre ao rente do chan: o
romeu postrado (Rosmarinus of. postratus). Fai talmente como aquí ves; a man de Laura acubíllao docemente coma se fose un tarro no que pode asentarse e amosarse con seguridade.

Este romeu rastreiro nos últimos tempos é bastante utilizado en xardinería.
No noso arrecendario está á beira do romeu común.


Propiedades: Aromático, medicinal e condimentar. As súas follas, tanto secas coma frescas, dan sabor ás carnes e guisos. As súas flores azuis tamén se poden comer e serven para adornar ensaladas.

Solo: Indiferente ao tipo de terreo, pero sempre ben drenado

Exposición: Sol

Reprodución: Por estaca (bota raíces facilmente)

09/04/2009

Rotonda


Ultimamente estannos enchendo as estradas de rotondas ou redondas; eliminan semáforos, reducen velocidade, distribúen o tráfico ... e adornan. Adornar...adornar... só o fan algunhas. Aquí o axardinamento aínda é escaso e nas redondas está a comezar.
En Francia, pola contra, van nisto ben por diante e algunha merecía un aparcamento ao lado para admirar. A ver quen é capaz de poñerlle unha pega á da foto! E aínda tiña máis elementos xeitosos.
A construción
vexetal do medio da rotonda, parecido a un canastro ou hórreo noso, era un copia vexetal de unha edificación existente e emblemática para eles.
Esta monada está en Périgueux, capital do Périgord e ás beiras do río Dordoña.

Unha chulada!

02/04/2009

Curan... case todo



Botándolle unha ollada aos valores das planta aromáticas, un queda pampo. Teñen unha morea de utilidades; mais desgraciadamente non as teñen todas. E isto é o corrente entre as herbas aromáticas e medicinais.

Estas herbas do noso arrecendario teñen grandes utilidades para a nosa saúde, á altura de moitas das medicinas de farmacia; mais, ás veces, non queda máis remedio ca ir ao hospital e...mesmo pasar polo quirófano. Isto foi o que lle ocorreu a Laura: xa ingresou no hospital dúas veces con síntomas semellantes aos de agora, pero os médicos non estiveron finos. Tentaron curarlle o mal que non tiña! E... tivo que volver por terceira vez, máis grave. Menos mal, vaise encamiñando.


Recupérate axiña... e ben, Laura! Envíanos un comentario dende aí, dende o hospital, cheo de esperanza.

01/04/2009

Veixelas, celindas e espíreas gardan os altos


A primavera asentouse entre nós e vén de floración adiantada. Claro, a primavera é gratis; é de balde toda esta regalía de cores e bos cheiros.



As espíreas (Spiraea x van houttei), as veixelas (Weigela florida) e as celindas ou xiringas (Philadelphus coronarius) dominan o alto do terraplén entre os dous campos; unha grevillea (Grevillea juniperina), de rara flor vermella, con follas picudas, remata o conxunto en terreo máis inhóspito no que a pedra aflora no chan. Forman unha matogueira florida moi chamativa; as cores brancas, rosas e, en menor medida, vermellas aportan colorido á vista.
A flor da celinda, branca e con forte arrecendo a azahar, regálanos o complemento aromático para o noso nariz.

Neste tempo tamén cheiran fortemente a azahar e mel as diminutas flores do pitosporo de Queensland -Australia, Pittosporum undulatum, e as do pitosporo de Nova Celandia, Pittosporum tenuifolium.

27/03/2009

Tempo de regar



Marzo veu quente e seco: quixo pasar por maio e conseguiuno. Tocou regar moitas veces. Tamén houbo que arrincar herbas malas que querían competir coas nosas aromáticas.
De momento vai todo ben.