09/08/2011

Tomate

Comidos en ensalada, con outros engadidos ou non; soíños coma se foren mazás (máis raro pero igual de saborosos) ou en gazpachos para os amigos dos purés ou desdentados.

Os tomates sempre van ben.

Cultivo fácil se lle aportamos sol, unha pouca agua á beira dos pés e ningunha nas follas (hai que amolarse cando chove); cómpre tamén vara longa e ataduras de cando en vez (con froito todas as ataduras fanse poucas os días de vento) e cortarlle moitos dos fillos que botan entre o tronco e as follas. O podalo é importante, máis aínda nas partes baixas para que os tomates non toquen coa terra e estean aireados; mais a poda debémola incrementar ou diminuír segundo bote moita ramallada ou pouca. No primeiro dos casos mesmo vén ben unha poda das follas xusto despois do último froito. Trátase xa que logo de que vaia a forza para o froito e non tanto para esa ramallada. Ollo! Non debemos pelalo e deixalo sen ningunha folla, que algo así xa teño visto; a tomateira ten que facer o seu alimento e precisa tamén follas.

Sulfatar ou non? Estes están sen sulfatar e vailles ben. Se os sulfatas, coidadiño co que lle botas, vai ser o que comes.

09/07/2011

Arrastrados polo chan

Tromentelo (Thymus caespititius)


Xa, xa. Xa sei que os tempos van mal.
Non propoño aquí abaixarse máis. Falarei daquelas aromáticas amigas do terreo pobre, xerofitas e de medrar escaso; as máis interesantes por seren de escasas necesidades e...aínda así lindas.


Nas plantas tamén hai quen anda sempre erguida buscando esa luz do sol que tanta falta fai, quen vai ben nas sombras e o moita abundancia de sol só fai queimar as súas follas e tamén a

súa vida e quen aínda desexoso do sol gústalle andar arrastrado polo chan.
















Serpol (Thymus serpyllum)



Para iso os terreos deben ser pobres, pois os ricos atraerían moitos competidores mellor dotados e co tempo acabarían coa súa vida.


Romeu postrado (Thymus of. prostratus)

Aquí ofrezo hoxe tres aromáticas que medran moito ao largo e ben pouquiño ao alto.

22/06/2011

San Xoán

Serpón ou serpol. Thymus serpyllum

Chegou San Xoán. Días grandes, noites pequenas, sardiñadas, lume novo... e as clases que acabaron.

Eu fun ver o arrecendario, un pouco descoidado
de tan ocupado que andei, e atopei, para miña alegría, varios tomiños en flor. San Xoán, xa chegou o verán! Eu, sen facer ruído, abrinlle a porta con gusto.

No Porto e en Braga xa teñen preparado o manjerico con unha quadra feita para a ocasión para namorar ou agasallar. Comezan as súas grandes festas no Minho. Boa falta lles fará! Co que está a chover por alí a nivel económico e social (
non perdades de escoitar aquí a magnífica canción de Deolinda, "Que parva que eu sou"). Boas serán as festas e os martelos a martelar nas cabeciñas de grandes e meniños esta noitiña e aínda algún que outro allo porro a pasar polo nariz.

Por aquí botarémonos ao monte á procura do tromentelo, un tomiño a rente do chan, silvestre case sempre e que este ano está agora en flor. O seu arrecendo ha ser mellor. Eu realmente ao monte non vou, tróuxono para a casa e naturaliceino no meu xardín, entre dúas lousas.
-Rapaciña bonita, con que lavas o pelo?
-Cunha planta do monte chamada tromentelo.

Manda a tradición botar uns anacos do tromentelo nun cacho con auga xunto con outras herbas de San Xoán (o hipérico, a herba luísa... todas ben cheirentas menos a ruda) e lavarse ao outro día pola mañá; disque así é como acai á ocasión. Non abusedes da ruda nesta mestura, que dá mal cheiro, se queredes achegarvos a alguén querido. Quedades avisados!

Tromentelo.Thymus caespititius

12/06/2011

grande equipo


Conto con un grandísimo equipo...haha... e perfectamente equipado, non é?

Regar, arrincar herbas, mirar e aprender... Os momentos preferidos son os recreos.

Tamén descubrimos. Hai cabazos moi raros que por parecer non parecen cabazos.
Os tomates medran (os tomates cherry moito menos cós outros), mais aínda están todos verdes.


Algunha vez tamén tocou probar o que se producía: os cogombros ("pepinillos").


26/05/2011

A horta vai

Fixemos sementeira na aula e no corredor. Un pouco de todo: cabazos, pepinos, berenxenas, leituga, tomates, alfabaca, pirixel... Que sei eu! Unha morea de cousas. Despois trasladamos estas plantiñas á horta, mellor dito, ás hortas, que temos dúas.




O tempo foi mellorando e as plantas medraron.

Xa están ben bonitas!

Regamos, comemos morangos (a isto gañáronnos as pombas...e por goleada) e frambuesas e temos uns pepinos que dá gusto.






Algunhas nenas pasan todos os recreos na horta.
Arrincan herbas malas, regan e miran.

25/05/2011

Pequena historia da horta escolar

Un día de outono, case inverno, decidimos unha compañeira mais eu facer unha hortiña para uso escolar: debería permitir aprender, tocar, ver... Tampouco pretendiamos gastar nin que despois fose insostible. Tiña que ser pequena...mais xeitosiña. E...así como ves quedou.

Un recinto feito con bordos reaproveitados e mesmo un banquiño para repousar. Os bloques recolléronse do refugallo de unha obra nun parque, o transporte en carreta a conta do lombo do blogueiro e a colocación a conta dos dous anteriormente citados. Non se gastou un can!


As ferramentas usadas foron un pouco rudimentarias, era o que había, mais fíxose.










Despois veu unha capa de follas secas
recollidas no noso patio, facendo base... e por riba outra capa de terra.

Máis tarde esta horta deu lugar a dúas, distintas. Aproveitouse un anaco do terreo con algo de terra. O resto ten xabre ben pisado con pisón e gramón invasor.

24/05/2011

Arrecendario con recendo e cor


As aromáticas tamén poden ser lindas, non é?
Algunhas herbas son lindas pola flor, outras polos distintos tonos de cor e hai algunha coma a xarxa tricolor que xunta folla e flor coloridas. Por riba, é moi dura e reprodúcese moi ben espichándoa no chan e dándolle un mesiño para que enraíce ben.