27/02/2009

E a magnolia veu en flor

As magnolias adiántannos a primavera. E este soliño quente e cariñoso pon o resto.

Terán de ser estas flores lindas con forma de tulipán as que poñan a cara perante tempos duros e definitivos que por aquí están a ocorrer.

No noso xardín contamos con tres variedades de magnolias:
Magnolia soulangeana
(ou soulangiana), esta branco crema e outra rosa clara;
M. liliiflora rustica rubr
a
, máis arbustiva, entre as dúas anteriores e
con flores púrpuras;
e M. stellata, coas flores estreladas e de moi bo arrecendo,
dous exemplares aínda pequenos que calquera día pasarán pola desbrozadora cando Atila outra vez dea un repaso.

19/02/2009

Poexo (ou menta)

A unha nena moi xeitosa que pasou uns días apurados.
Vai por ti, Laura.


Mentha pulegium

Planta herbácea de folla perenne que tende a arrastrarse polo chan podendo chegar a case medio metro de altura. Esténdese moito e pode invadir outras zonas; é conveniente tela ben controlada ou tela dentro de tarros que impidan a súa estensión.
As súas flores son rosadas ou violetas en inflorescencias nacidas a partir da metade superior dos seus ramalletes.
Ten un perfume agradable.

Propiedades:Aromática, medicinal e condimentar. O seu principal uso é como dixestivo, para despois das comidas. A infusión das súas follas, flores e talos emprégase contra a tose, dores da gorxa, resfriados, gripe, asma, acidez de estómago, diarrea, gases, insomnio e problemas menstruais. Non se debe abusar, sendo conveniente deixar períodos sen tomala.
En uso externo é boa para pruídos e picaduras de insectos.
Na cociña utilízase menos: para condimentar sopas e verduras.

Solo: Húmidos. Aquí haberá que regar, pois váiselle facer seco.

Exposición: Sol

Reprodución: Rizomas, ramallos que ao tocar no chan botaron raíces.

16/02/2009

Mais un día...

Os adiantos da primavera chegaron. O Prunus pissardii, ameixeira de flor rosa e folla vermella cando nace e despois púrpura, está a florear. Pronto o seguirán as magnolias máis claras.

Algunhas árbores teñen a floración moi cedo, alégrannos o frío invernal e adiántannos o que coa primavera virá. Benvidas!!

14/02/2009

O alumnado fai seu o arrecendario


Viñeron días de sol e algunha calor ao mediodía. Por fin! Veu o sol, aínda que, polo de pronto, a calor ben a aguantamos. Xa din os vellos que "nunca choveu que non escampara".

As nosas herbas vanse repondo e estarricando; mais fano con coidado e disimulando, non vaia ser que o vello inverno volva dar un ramalazo.



As rapazas e algún rapaz tomaron o sacho e procuran ter as malas herbas á raia, que as malas sempre aproveitan todos os ventos a favor.
Non queren que lles pase o que o vello Confucio dixo e comenta con atino Chousa de Alcandra nas súas Breves: "Non son as malas herbas as que afogan a boa semente, senón a neglixencia do labrador".
Por se acaso... ou porque o pasan ben facendo ben.

10/02/2009

Un camiño no teu xardín (3)

Cando nos pareza que xa sabemos o tipo de xardín que queremos, debemos pasalo da cabeza ao papel; facer un debuxo con certo detalle do que imos facer. Aquí debemos facelo a escala, a nivel caseiro podemos utilizar unha folla de caderno cuadriculada e por exemplo cada metro no terreo que se corresponda con tres cadradiños na folla de un caderno que teñamos. Por último marcamos no terreo con espetos e cordel.

Algunhas veces facemos retoques: cando pasamos a marcalo no propio terreo hai cousas que non nos cadran e vemos outras que antes nin nos deramos conta; xa está, facemos algún retoque.
Tamén nos pode facer mudar o
deseño do xardín cando vemos o material co que contamos e queremos aproveitar eses elementos; por ex., o noso recendario ía ser de 12 x 3 m e quedou en 9,63x2,36 m por querer aproveitar uns troncos que tiñamos -constituían un estorbo e eran xeitosos para o noso xardín-.
Se reducimos o tamaño do xardín, o camiño tamén ha de reformarse; así, o noso recendario de tres rotondas pasou a dúas e fíxose máis estreito (50 cm en lugar dos 60 proxectados).

Xa ves, case todo ten un apaño, pero, olliño, un camiño debe ter como mínimo 50 cm; do contrario, andaremos con dificultades por el.

08/02/2009

Santolina

Santolina chamaecyparissus

Planta subarbustiva de clima mediterráneo, que raramente supera o medio metro e forma matos densos. Conta con moitos talos dos que saen pequenas e estreitas follas de cor gris prateada; as follas semellan dentes de peites e son aromáticas. Ten flores amarelas douradas con forma globular, no verán.
Moi utilizada para sebes de escasa altura e recantos soleados e de solo malo. O seu aroma lembra o da camomila, pero máis forte.
A súa cor grisácea ou glauca combina ben con flores de vivas cores.
É moito máis utilizada coma ornamental e aromática ca no uso culinario e medicinal.

Propiedades: Aromática (follas) e medicinal. Antiespasmódica, vermífuga, expectorante e analxésica. Dixestiva, en infusión. Úsase suplindo á camomila ou macela, mais en menor medida ca esa.
En saquetiños nos armarios evitan a couza da roupa.

Solo: Calquera que estea ben drenado
É de fácil cultivo, moi rústica e resistente ao frío e mesmo ás xeadas.

Exposición: Pleno sol

Poda: Frecuentes, para manter a forma compacta e redondeada. Máis intensa a principios da primavera. Recortar as flores cando se pasan.

Reprodución: Por estaca (por espichado) na primavera ou outono. Tamén pode dividirse o mato en dous.

02/02/2009

Un camiño no teu xardín (2)

A pedra nos camiños nosos queda ben, de marabilla diría eu. Dálle un toque elegante, integrándose perfectamente co medio, de calidade e á vez natural; pero haina que colocar con xeito, haille que buscar o asento, que quede á mesma altura e que diga ben. O que só vela guste , ás veces sen saber moi ben por que, é o máis difícil de lograr. Parece fácil, mais non o é tanto. Probade e veredes que non se trata só de pousar as pedras no chan e encher todo o espazo. Que va! Nin moito menos.
Nos laterais rectos debe ter liñas dereitas; no medio, mellor liñas máis redondas e pezas máis irregulares. Os tamaños das pedras tamén importan e deben combinar. Deben evitarse as liñas ou cortes rectos de cabo a rabo polo medio así coma as liñas ao través; as raias cómpre ilas matando.
A ver ti, con esa cara de espabilación que ti tes, se es quen de atopar unha pedra que non está de todo ben nesta rotonda! A ver que finos sodes. Agardo comentarios vosos.